Os concellos galegos perden 140 millóns de capacidade fiscal polo veto do PP no Senado e a Fegamp responde: "É incomprensíbel"

"Lonxe de traballar na mellora da xestión económica da administración pública peor financiada, como son os concellos, prefire incidirse en crear maiores dificultades nesa xestión da que dependen servizos esenciais que prestan os concellos", censura Alberto Varela.
A portavoz do PP no Senado, Alicia García, esta cuarta feira, na sesión na que o voto dos populares impediu que se aprobase a senda de déficit. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A portavoz do PP no Senado, Alicia García, esta cuarta feira, na sesión na que o voto dos populares impediu que se aprobase a senda de déficit. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, denunciou esta quinta feira que a decisión adoptada polo Senado na cuarta, a instancias da maioría que ostenta nesa cámara o PP, convirte os concellos en "reféns" da súa "estratexia de desgaste" ao Goberno estatal que preside o socialista Pedro Sánchez.

Para Alberto Varela resulta "incompresíbel" que se aboque os concellos a padeceren "maiores dificultades aínda" na súa xestión económica. "Que todos os concellos en España perdan case 3.000 millóns de euros de capacidade fiscal, concretamente 2.934 millóns, e que no caso dos concellos galegos sexa de 140 millóns a estimación desa perda, é o resultado da decisión da maioría do PP no Senado", censurou.

Desde a Fegamp entenden que "queda claro pola vía dos feitos que, lonxe de traballar na mellora da xestión económica da administración pública peor financiada, como son os concellos, prefire incidirse en crear maiores dificultades nesa xestión da que dependen servizos esenciais que prestan os concellos".

Alberto Varela, presidente da Fegamp, nunha foto de arquivo.  (Foto: Fegamp)
Alberto Varela, presidente da Fegamp.

Varela salientou que eses "140 millóns de perda de capacidade fiscal" que van padecer os concellos galegos "grazas á decisión dos senadores e senadoras do PP" é case a mesma cantidade económica que a Xunta destina ao financiamento das administracións municipais a través do Fondo de Cooperación Local, "sumando as partes xeral e condicionada".

"En breve comezarán a notarse os efectos desta incompresíbel decisión, especialmente nos concellos que xa tiñan os deberes feitos de teren aprobados os seus orzamentos para 2024 e que agora terán que proceder a realizar os axustes necesarios para manter o 0,2% do PIB de superávit fronte ao 0% que recollía a proposta", concluíu.

Comentarios