O Concello de Vigo tiña coñecemento de obras ilegais nas Cíes desde 2015

A ampliación de tres chalés e dúas naves en construción están a causar polémica nas illas Cíes, pertencentes ao Concello de Vigo, xa que segundo se coñeceu carecen de informes e licenzas, polo que serían construcións ilegais.
Illas Cíes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Illas Cíes. (Foto: Nós Diario)

A ampliación de tres chalés e dúas naves en construción están a causar polémica nas illas Cíes, pertencentes ao Concello de Vigo, xa que segundo se coñeceu carecen de informes e licenzas, polo que serían construcións ilegais.

Estas reformas de chalés das cales alertou a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Galiza (APLU) e informou o xornal O Salto, após acometer investigacións sobre o tema, leváronse a cabo nos anos posteriores a 2009, cando Alberto Núñez Feixoo era presidente da Xunta da Galiza.

A situación empeorou ao coñecerse que o Goberno do concello vigués tiña coñecemento destas obras irregulares desde o ano 2015 xa que pedira unha inspección urbanística sobre o asunto, mais non foi até finais do ano pasado cando a puxo en marcha.

Estas irregularidades chegaron ao pleno municipal da cidade olívica a través dunha interpelación do BNG, feita polo portavoz da formación, Xabier Pérez Igrexas, que preguntou á titular da Concellaría de Urbanismo, María José Caride, acerca do acontecido.

En declaracións a Nós Diario, Pérez Igrexas asegura que “son actuacións ilegais claramente e queremos saber cal é o motivo de evitar pór en marcha a inspección urbanística durante sete anos por parte do Goberno local de Abel Caballero”.

"Atentado urbanístico"

Pérez Igrexas acrecenta que “non recibimos resposta de ningún tipo a esta cuestión e Caride simplemente se limitou a dicir que contestará por escrito a este asunto”.

“É todo un atentado urbanístico, algo que é máis grave aínda ao lembrar que Abel Caballero presume das Cíes como Patrimonio da Humanidade. En definitiva, por acción ou omisión o Concello é cooperador necesario de actuacións ilegais”, engade o nacionalista.

Comentarios