18-F

Compromís marca distancias con Sumar e cre que se presentou "cedo" ás eleccións galegas

Águeda Micó afirma que o bo desempeño do BNG nestes comicios ilustra o tirón das forzas nacionalistas en citas como a do pasado domingo e responde a un traballo de "anos de implantación" no territorio.
A deputada de Compromís e portavoz adxunta de Sumar no Congreso, Águeda Micó, esta terza feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A deputada de Compromís e portavoz adxunta de Sumar no Congreso, Águeda Micó, esta terza feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A deputada de Compromís no Congreso español e portavoz adxunta de Sumar, Águeda Micó, remarcou esta terza feira que o seu partido non forma parte desta formación a nivel orgánico e considera que o proxecto liderado por Yolanda Díaz acudiu "cedo" ás eleccións galegas do pasado domingo, nas que non logrou representación, aínda que cre que Sumar é "necesario" a nivel estatal.

En rolda de prensa no Congreso, cualificou de "mágoa" que o BNG non puidese "gañar nin gobernar" na Galiza e que a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, tampouco conseguise un escano, dado que a Compromís lle gustaría que houbese un cambio político no país.

Preguntada polas conclusións que extrae do resultado destes comicios, Micó precisou que Sumar terá que facer as súas propias valoracións, dado que Compromís non forma parte da formación e mantén estritamente unha relación bilateral, baseada en compartir o grupo parlamentario e na non competencia electoral nas distintas citas electorais.

Desde a formación valenciana consideran que as eleccións galegas evidencian a importancia da implantación territorial para ter tirón nos comicios, algo do que a esquerda 'alternativa' estatal apenas dispón ao quedar xa en 2020, cando concorrera dentro da coalición Galicia en Común, fóra do Parlamento da Galiza.

Neste sentido, Compromís afirma que o bo desempeño do BNG nestes comicios ilustra o tirón das forzas nacionalistas en citas como a do pasado domingo e responde a un traballo de "anos de implantación" no territorio.

Á súa vez, Micó profunda que era a primeira vez que Sumar concorría ás eleccións da Galiza pero, para outras citas autonómicas, ten alianzas con partidos nacionalistas e rexionalistas como Chunta Aragonesista, En Comú Podem e mais o propio Compromís. "É un bo camiño", asegura.

Comentarios