Entrevista

Chus López (BNG), alcaldesa de Samos: "Aos concellos pequenos cústanos asumir competencias que non nos corresponden"

Unha alianza entre o BNG (3 edís) e o PSdeG (2) superou en Samos (comarca de Sarria) a representación do PP (4) nas eleccións municipais, que levou como candidato Miguel Gallego, fillo do que fora alcalde socialista entre 2007 e 2023. Samos, con rexedora agora do BNG, a empregada de banca Chus López (Airexe, Samos, 1984), linda con outro concello de Alcaldía nacionalista, A Pobra do Brollón (Lemos), dous municipios con Alcaldía socialista, Láncara (Sarria) e Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares); e tres do PP, Folgoso do Courel (Quiroga), O Incio e Triacastela (ambos en Sarria). Camiña Sarria gañou ademais a Alcaldía no concello homónimo. 
 
Chus López, alcaldesa de Samos (comarca de Sarria). (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Chus López, alcaldesa de Samos (comarca de Sarria). (Foto: Xan Carballa)

—Na propia investidura, fixo referencia á semente política familiar.
Falei do meu avó Ramón, que sempre estivo no BNG. Era labrego e estivo implicado nas loitas agrarias, desde os tempos das Comisións Labregas contra a cota empresarial nos anos 70. Crieime con el, e acompañeino en moitas manifestacións, supoño que esa implicación e compromiso deixaron en min un pouso, aínda que a miña intervención directa na política comezou en 2019.

—A política nos concellos pequenos é algo diferente, aínda que o Concello de Samos ten tamén unha singularidade histórica, coa presenza espectacular do mosteiro dos bieitos. Son pouco máis de 1.200 habitantes en 136 km cadrados.
Ademais temos dúas zonas diferenciadas, alta e baixa. Arriba, máis de montaña, con Lóuzara lindante co Courel, e cando neva hai máis problemas. Temos unha rede de estradas e pistas que manter moi extensa, que hai que rozar e ter a punto, con lugares moi pequenos e gran dispersión de poboación. Iso dá lugar a que, para servizos como a atención ao fogar, mesmo resulte complicado atopar xente que traballe e poida cubrir as necesidades. Aquí todo é moi diferente a unha cidade, ou a unha vila grande, na que as poboacións se concentran.

—En Samos, como noutros concellos rurais, a media de idade da poboación é alta.
A xente nova desprázase onde hai traballo. As empresas que había, ao non termos polígono industrial, marcharon fóra en canto precisaron instalacións máis grandes. 

As primeiras etapas de estudos cubrímolas co CEIP, pero despois xa teñen que marchar aos institutos en Sarria. O CEIP celebra neste curso os 40 anos funcionando, e é termómetro de como é a deriva de poboación neste tempo: en setembro de 1983 abriu con 169 nenos e nenas, e neste curso hai 22 matriculados.

"Os municipios rurais minguaron: en setembro de 1983 o CEIP de Samos abriu con 169 nenos e nenas, e neste curso hai 22 matriculados"

Despois temos pouca oferta de vivenda, e quitando quen herda, non se constrúe e por iso tamén a xente nova marcha. Porque aínda que o teletraballo despois da Covid medrou moito, a cobertura de internet que temos aínda é deficitaria, e se iso é básico para a vida cotiá, é maior aínda para a laboral. Se algúns destes aspectos os melloramos poden abrirse novas expectativas. 

Agora vaise despregar fibra en todos os lugares do concello. Xa se fixo a adxudicación e a empresa está comezando a traballar aproveitando o tendido que tiña Telefónica. Pero non se fai da noite á mañá. 

—A economía de Samos ten que ver co sector primario especialmente.
Gandaría de leite e carne e tamén en relación ao agro, tivemos unha certa industria que naceu aquí, relacionada co mel (Meles Anta, ten orixe en Samos) e coa castaña, pero por necesidades de ampliación fóronse desprazando a Bóveda ou Sarria. 

Despois está o turismo: polo concello transcorren dúas variantes do Camiño de Santiago, unha por arriba e outra que pasa por Samos. Temos o mosteiro, que é impresionante e un dos grandes atractivos para visitar o concello, pero tamén outras localizacións menos divulgadas, como a Capela do Ciprés, ao lado do Castro de Formigueiros temos a meirande concentración de mámoas da península, a zona de Lóuzara ten unha gran riqueza natural, con covas, alvarizas…. pero iso está moito por descubrir.

—O mosteiro é un imán. 
A moita xente impresiónaa, non é para menos. É dos máis antigos habitados, cun dos claustros maiores e ben conservados. Un total de 14.000 metros cadrados e unha historia de moitos séculos. Moi relacionado coa Ilustración, especialmente co Padre Feixoo, ou xa máis contemporaneamente foi lugar de recollemento de Ramón Cabanillas, que lle dedicou un libro e tamén o escultor Asorei traballou aquí. A xestión e administración do mosteiro e o albergue que tamén integra é da Igrexa e da orde dos pais bieitos, pero como concello mantemos con eles unha boa relación.

"Tentamos compartir  servizos, por exemplo o contrato de lixo estámolo a mirar con Triacastela  e participamos como xeodestino con Folgoso do Courel, O Incio e Triacastela"

—Entendo que compartir servizos con outros concellos, ou a relación coa Deputación, é moi importante.
A relación é estreita e ademais do que nos corresponde anualmente, no Plan Único (boa parte do que recibimos da Deputación nese plan vaise no mantemento da rede viaria), axúdannos desde moitos departamentos. Por exemplo, en Cultura, que nos envían actuacións ou facemos convenios de colaboración. Cos concellos próximos tentamos compartir servizos, por exemplo o contrato de lixo estámolo a mirar con Triacastela e participamos como xeodestino con Folgoso do Courel, O Incio e Triacastela, para promoción turística e impulsar a hostalaría e a restauración. Buscar esas colaboracións é importante polas nosas dimensións.

O orzamento dun concello como Samos é pequeno, e temos un Servizo de Atención ao Fogar (SAF) propio, tamén son nosas as vivendas comunitarias. Ao final, damos servizos que quizais debería atender a Xunta da Galiza, porque son competencias súas, como todo o referido á dependencia. Para o SAF dánnos unha parte do financiamento pero máis nada. O orzamento é xusto e imos capeando. Só tivemos un problema de liquidez porque cos cambios do alumeado houbo que adiantar parte do investimento que nos será subvencionado, mais non chegarán os cartos até fins do ano vindeiro.

—As relacións políticas tamén mudan nunha Corporación con nove cargos electos no pleno.
Nós tivemos un resultado que de entrada non esperabamos. O BNG estaba fóra da Corporación antes de 2019. Eu entrei naquela lexislatura e agora subimos a tres representantes e chegamos á alcaldía. Aquí coñecémonos moito pero eu esperaba unha oposición 
máis construtiva.

—E con que programa de goberno van traballar até 2027?
Primeiro que nada tentando darlle vida ao concello, porque se deixaran de facer todo tipo de actividades. Até levabamos anos sen facer festas patronais, e en quince días puxémolas en marcha; recuperamos tamén a festa da artesanía de agosto e neste 1 de novembro levamos adiante unha actividade en colaboración co GDR, que camiña na idea de desestacionalizar o turismo, fóra do que é a oferta aos peregrinos, porque queremos ter visitantes fóra do verán. O que fixemos neste pouco tempo queremos multiplicalo nos próximos anos, porque do que se trata é de mellorar a calidade de vida da veciñanza, que teñan oportunidade de reunirse. Samos perdera moita vida e despois da Covid a xente quedou moi baixa, e coa colaboración do GDR, do colexio e da Anpa temos que avanzar en todo isto e recuperar moitas actividades que estaban abandonadas.

Samos ten moito por descubrir e xa cun prazo non tan inmediato queremos mellorar a oferta en vivenda e tamén para localización de empresas. Ao final estamos a dez minutos de Sarria, que ten problemas coa vivenda porque hai moitas dedicadas a usos turísticos e faltan tanto para mercar como para alugar. Se Samos pode dar respostas, poderíamos asentar poboación e aumentala.

—Insiste na idea de desestacionalizar o turismo.
O Camiño danos un fluxo continuo, concentrado no período que vai da Semana Santa á fin do verán especialmente, pero despois baixa moito. Temos moitos lugares atractivos no concello e a comarca, pero o turismo rural témolo que ampliar ao que se coñece como turismo de experiencia. Contamos con hostais, albergues, apartamentos turísticos, restaurantes e cafetarías, que para un concello pequeno xa é unha oferta importante, pero teremos que traballar máis para propoñer cousas diferentes. 

Comentarios