Cruce de reproches e mensaxes contraditorias de alcaldes, Xunta e Goberno estatal ante a acollida de migrantes

O delegado do Executivo estatal na Galiza confirma a chegada ao Porriño de 40 migrantes procedentes de Canarias, unha cuestión da que o alcalde deste concello asegura ter un "total descoñecemento", e acusa a Xunta de "non mostrar ningunha solidariedade" nos últimos días.
Efectivos da Cruz Vermella atendendo migrantes chegados á illa canaria de Tenerife. (Foto: Europa Press)
photo_camera Efectivos da Cruz Vermella atendendo migrantes chegados á illa canaria de Tenerife. (Foto: Europa Press)

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, confirmou esta terza feira a chegada ao municipio do Porriño (comarca de Vigo) de 40 migrantes procedentes das Canarias, ao tempo que criticou que a Xunta e "algúns alcaldes" non mostrasen "ningunha solidariedade" nas últimas semanas. En declaracións aos medios precisamente desde O Porriño, onde visitou as instalacións da Compañía Española de Algas Mariñas, Branco asegurou que finalmente chegarán a Sanxenxo "uns 80 ou 90 migrantes" dos 350 que estaba previsto que se situasen nesta localidade do Salnés entre os días 1 e 8 de novembro.

Tamén afirmou que xa falou co alcalde socialista de Sobrado dos Monxes para trasladarlle que o seu municipio non será un dos concellos de acollida, así como co alcalde do Porriño para confirmarlle a chegada destes 40 migrantes. Aliás, defendeu que estes traslados desde Canarias son "legais e ordenados" para atender "a demanda do Goberno canario", que se vía "desbordado".

Declaracións "desafortunadas"

Sobre estes cambios de localización e de número de persoas de acollida no país, Branco asegurou que "desgraciadamente" obedecen ás "últimas declaracións que se fixeron nas últimas semanas nos medios de comunicación", que cualificou de "desafortunadas". "Por este tipo de ruído por parte da Xunta, así como por algúns alcaldes, houbo que facer este tipo de cambios. Non é de recibo que o PP neste sentido estea baixo a aparencia ou desculpa de que non hai información, que a había clara, constante e desde o primeiro momento, e poña, dalgunha maneira, paus nas rodas para botar unha man para aliviar a presión que se estaba producindo en Canarias", remarcou.

Nesta liña, censurou que "non é de recibo" e é "absolutamente reprochábel" que se faga "ruído", así como "criticar que se vaian a traer á Galiza", cando se fala de acoller migrantes, "igual que se acolleron coa guerra de Ucraína ou de Afganistán". "Os galegos somos solidarios, abrimos os brazos a calquera persoa que veña con este tipo de drama e, por tanto, creo que non nos representa a Xunta nese tipo de declaracións nin as autoridades locais que puxeron todo tipo de trabas", lamentou. Neste punto, o delegado do Goberno agradeceu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e á da Coruña, Inés Rey, que "só puxeron vantaxes e os brazos abertos para acollelos". Nestas dúas cidades, afirmou Branco, xa se recibiron migrantes "con absoluta normalidade".

Por outra parte, lembrou que o Ministerio chegou ao acordo de abrir varios cuarteis como centros de acollida, polo que, engadiu, "será posíbel trasladar uns 2.000 ou 3.000" a estas localizacións, pero en principio non chegarán á Galiza os 400 que ían vir. Con todo, insistiu en ser "prudente", porque se fala de "previsións". "A data de hoxe non son 400, son menos. As organizacións que están en contacto co Ministerio e cos locais que teñen, cos centros de hostalería e locais de acollida, poden nun momento dado facer outro traslado ordenado e, desde logo, legal", manifestou.

Críticas á Xunta... e resposta desde San Caetano

Neste contexto, Pedro Branco volveu asegurar que durante os últimos días falou tanto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como cos alcaldes dos municipios implicados, polo que, ante as críticas de falta de información e comunicación, o representante do Goberno español preguntouse se entenden que "o delegado non é o interlocutor adecuado". Así, reprochou á Xunta que non mostrase "ningunha solidariedade" durante estas semanas. "Non se mostrou ningunha solidariedade por parte de quen debería mostrala, que eran nin máis nin menos que os alcaldes e, neste caso, a Xunta", censurou.

Porén, a conselleira de Política Social e Xuventude do Executivo galego, Fabiola García, respondeu lamentando a "falta de respecto institucional por parte do Goberno central" e defendeu que Galiza é "unha terra solidaria", tal e como se demostrou "sempre" e como se vai demostrar "agora". Así, asegurou que o Goberno galego non ten "máis información adicional" que a primeira comunicación na que se lles trasladou que ían chegar 350 persoas a Sanxenxo e 40 a Sobrado. Censura que se decataron "polos medios de comunicación" da decisión de situar 40 migrantes no Porriño. "Creo que as cousas non se fan así. Pode haber unha mellor colaboración, porque iso redundará no beneficio de todos, tanto de todos os migrantes como de todos os galegos que estamos aquí", sostivo.

Esta tarde, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, convocou unha reunión informativa por videoconferencia na que informará alcaldes dos principais municipios do Estado, á presidenta da FEMP, María José Pelayo, e aos conselleiros da comunidades autónomas deste asunto.

O alcalde do Porriño di non saber nada

A pesar de que o delegado do Goberno español asegurou que xa falara co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo (PP), este, en declaracións aos medios, asegurou ter "total descoñecemento" e só "de maneira extraoficial" a través do albergue privado. "Non sabemos nin como nin cando, e esa é a tristeza que ten o Concello, que non teñamos ningún tipo de información nin ningunha situación que podamos prever nin nada", lamentou.

Afirmou que tentou en varias ocasións porse en contacto coa Delegación, pero, segundo trasladou, non puido falar co delegado. O rexedor popular sinalou que "non existe coordinación, nin comunicación, nin información" co Executivo estatal e, ante esta situación, tras defender que son un pobo "solidario e acolledor", demandou información e que se lles "respecte". "O delegado está no Porriño e non avisa, e ante algo tan importante non tiñamos información. Pedimos coordinación e respecto", resolveu o alcalde.

Comentarios