Causa Galiza critica as ‘‘cerimonias da confusión’’ en torno ás mobilizacións contra a monarquía

Insisten en que unha ruptura democrática en Galiza para que sexa tal só é posíbel en base ao dereito á auto-determinación.

Causa Galiza lamenta que nas mobilizacións contra a monarquía a raíz da abdicación do Borbón se esté a dar o que cualifica de “cerimonias de confusión”. Unha afirmación que argumenta en base a que as apelacións e convocatorias están a se desenvolver “chamando o pobo galego a saír á rúa por unha República cuxa condición nacional se nega” ou ben na defensa dun “dereito a decidir que se interpreta de maneiras ambivalente: sobre o réxime político de España ou sobre o estatus político da nación galega”.

A reflexión da formación independentista forma parte da súa valoración das conversas que decorreron (sen éxito) a pasada semana entre diversas organizacións de cara a unha mobilización unitaria. Causa Galiza sinala asistiu a eses encontros condisposición a que se atinxise un “mínimo común” en base ao cal houbese unha “mobilización popular nun formato non partidista”. Mais iso non foi posíbel.

CG considera que a proposta de manifesto achegada polo BNG (convocante das xuntanzas) pecaba de “ambigüidade”, procurando unha converxencia coa “esquerda rupturista española” na rúa. Aliás, esta formación salienta o “alto nível de sintonía” entre Anova e IU, que non se viu afectada nin cando “o secretario xeral do PCG afirmou que a autodeterminación de Galiza divide”.

Non con IU

É neste punto que Causa Galiza afirma que “rexeitamos a unidade de acción con IU” por ser “co-responsábel do actual rexime”, de “pactos sociais contra a clase traballadora” e mesmo de “iniciar a persecución do independentismo galego a nível de UE”.

Desde CG, aliás, reiteran o chamamento a unha mobilización unitaria neste 25 de xullo convocada por Galiza pola Soberanía.

Comentarios