Causa Galiza anuncia a súa disolución

Con sentimentos “contrapostos” de pesar e determinación, a militancia de Causa Galiza acordou disolver a organización, máis constitúe un Foro de Debate Independentista para “reunir, montar e aliñar” un novo proxecto.

Manifestación de Causa Galiza nunha foto de arquivo.
photo_camera Manifestación de Causa Galiza nunha foto de arquivo.

A militancia da organización política Causa Galiza acordou a súa disolución, após 10 anos de traxectoria en “defensa inquebrantábel” da idea da Independencia da Galiza.

Así o deron a coñecer esta segunda feira nun comunicado, no que sinalan os motivos “variados” que levaron a militancia da organización a tomar tal decisión.

Entre eles, Causa Galiza sinala un “debilitamento orgánico” que nos últimos dous anos “alcanzou niveis nunca alcanzados” e que o compromiso e capacidade militante “non foron quen de reverter”. “A anemia instalouse definitivamente na vida cotiá da organización”, reza o comunicado.

Para Causa Galiza, o debilitamento da súa organización impediu a “necesaria oxixenación, entrada e renovación da militancia”, sumado á “ineludíbel carga negativa e valoración social” resultado da repercusión mediática “antes, durante e mesmo despois” da resolución das diferentes operacións xudiciais contra “o independentismo galego”.

“A pesar dos intentos de abrir novos espazos e procedementos para o traballo político e comunicativo, esta negatividade non puido superarse e, en consecuencia, tampouco a anemia orgánica mostrada”, engade o comunicado.

Enfrontamento "sen precedentes"

A debilidade orgánica non apareceu, segundo o comunicado emitido esta segunda feira, “dun día para outro”. Após a resolución xudicial do proceso contra a dirección e a militancia independentista desencadeada pola Operación Jaro, “xurdiu de forma espida a diferente visión da acción política e do traballo, que desembocou nun enfrontamento sen precedentes no seo da organización que, de feito, rematou co seu desgaste e a separación dos camiños políticos a seguir polos dous sectores nos que se dividía”.

Esta fractura supuxo  o abandono dunha “parte importante” de militantes de Causa Galiza en cada un destes dous sectores, co conseguinte “debilitamento orgánico do independentismo que representa a organización matriz”.

Así, ante a “imposibilidade de dar resposta á cada vez máis evidente demanda de dotar dunha organización independentista con vocación participativa e con capacidade de influencia na axenda social e política do país”, a decisión de disolver a organización “foi só un cuestión de tempo”.

Foro de Debate Independentista

Nos seus 10 anos de vida como organización política e os outros seis como plataforma soberanista, “Causa Galiza demostrou que hai apoio nos sectores galegos máis avanzados a unha opción de compromiso claro e de acción independentista”.

“Ancorada na esquerda social, con tendencia á ruptura co sistema capitalista, esta organización que precisa Galiza terá que configurarse nos próximos anos”, afirman.

É por iso que ex integrantes da organización chaman a “reunir, montar e aliñar nova militancia arredor dun proxecto que poida florecer no futuro, tarde ou cedo”.

Neste sentido, “un Foro de Debate Independentista está aberto á participación horizontal, con vocación construtiva, dende este minuto cero”, conclúe o comunicado.

Comentarios