O 'comunismo galego unido' reivindica en Compostela a loita "organizada e unitaria"

Dúas manifestacións pola independencia da Galiza partiron da Alameda de Compostela ás 12.30 horas, convocada polas Assembleias Abertas Independentistas, e ás 13 horas, da man de 'Comunismo Galego Unido'.
Manifestación do 'Comunismo Galego Unido' polo Día da Patria Galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación do 'Comunismo Galego Unido' polo Día da Patria Galega. (Foto: Nós Diario)

Contra as 13 horas desta segunda feira arrincou da Alameda de Compostela a manifestación convocada polo movemento 'Comunismo Galego Unido' —impulsado por Causa Galiza, Agora Galiza-UP e o Partido Comunista pola República Galega— baixo o lema 'Independencia e socialismo'.

Estas tres forzas políticas convocaron a marcha independentista conxunta polas rúas da capital galega sendo "conscientes da situaçom excepcional que atravesamos como classe e como povo". Así, nunha declaración unitaria á que se deu lectura após a mobilización, puxeron de manifesto a "multiplicaçom das privaçons, a depauperaçom e a miséria", que, advertiron, "caraterizam o dia a dia de cada vez maiores contingentes populares".

Após a marcha interviron Carlos Morais (Agora Galiza-UP), Gabriel Lopes (Causa Galiza) e Lucía España (PCRG), nun acto presentado por Inma Alonso e no que Narciso Pérez deu lectura ao manifesto. Aliás, actuaron os 'Tres Pes' e recitou poesía Luz Fandiño.

"É necessário hoje mais que nunca tecer amplas unidades de açom entre as organizaçons políticas e sociais que representamos os interesses das classes populares e trabalhadoras"

Desde 'Comunismo Galego Unido' subliñaron os "retrocessos" en materia de dereitos e liberdades nun momento no que o "auge e legitimaçom" do fascismo, así como "a militarizaçom social e a repressom" son "mecanismos empregues pola burguesia para fazer frente à crise estrutural do capitalismo agónico".

"O derrotismo inoculado desde o sistema, a despolitizaçom, a fragmentaçom das luitas, a perseguiçom ideológica, o entreguismo e capitulaçom cara a fórmulas domesticadas e inofensivas, fai necessário hoje mais que nunca tecer amplas unidades de açom entre as organizaçons políticas e sociais que representamos os interesses das classes populares e trabalhadoras", salientaron no manifesto conxunto.

A "luita organizada e unitária", precisaron, é a única "alternativa real" para un pobo "assediado polo capital trasnacional e as suas politicas de espólio". Porén, a "conquista da soberania e independência nacional deverá por força vir acompanhada de um ideário republicano e socialista", aseguraron.

Marcha das Assembleias Abertas "por umha Galiza livre"

Media hora antes da mobilización do 'Comunismo Galego Unido' saíu tamén da Alameda a marcha convocada polas Assembleias Abertas Indepentistas, co lema 'Construindo comunidade por umha Galiza livre. A sua crise, a nossa oportunidade'.

Manifestación das Assembleias Abertas Independentistas. (Foto: Nós Diario)
Manifestación das Assembleias Abertas Independentistas. (Foto: Nós Diario)

A xornada proseguiu ás 13.30 horas cunha sesión vermut a conta da Menina Arroutada na praza do 8 de marzo e, posteriormente, un xantar no centro social Escárnio e Maldizer.

Comentarios