Catalunya inicia esta cuarta feira a batalla pola desconexión

O pleno máis importante da lexislatura catalá decorrerá no Parlament esta cuarta feira, 6 de setembro, coa aprobación da lei do referendo e o anunciado contra-ataque político e xurídico do Estado español.

parlament catalunya

O Parlament de Catalunya aprobará esta cuarta feira a lei do referendo e pode que tamén a lei de transitoriedade, ferramentas sobre as que o goberno da Generalitat pode asinar o decreto de convocatoria do 1-O. Un paso, logo, de calado o que se dirime na Cámara catalá e no que confluirán diferentes estratexias, movementos e situacións dos axentes implicados.

A mesa do Parlament esquivou até o de agora a admisión a trámite desas dúas leis aprobadas por Junts pel Si e CUP para evitar unha intervención do Tribunal Constitucional que botase polo chan a folla de rota do ‘procés’ nos primeiros pasos de lexislatura.

Antes de comezar o pleno desta cuarta feira haberá, tal e como explica Vilaweb, unha reunión extraordinaria para admitir a trámite as leis de referendo e de transitoriedade. Mais na orde do día da sesión non figurará o debate e votación destas leis. Será no comezo do pleno cando JxS e CUP pidan que se inclúan na orde do día ao abeiro do artigo 81.3 do regulamento da Cámara catalá. Aquí o Tribunal Constitucional terá unha oportunidade para actuar. Este órgano estará reunido e actuando en paralelo ao que aconteza no pleno do Parlament. Deste xeito, cando a mesa do Parlament admita a trámite as leis o TC poderá enviar un requerimento.

Porén, xa é coñecido que a vontade da maioría soberanista no Parlament é continuar co desenvolvemento da sesión e votar. Cs, PSC e PP xa indicaron que, no caso de ser dar este escenario, abandonarían o pleno, se ben non determinaron en que momento o farían, se antes ou despois de se dar a votación das leis. Catalunya Si que es Pot mantén a incógnita sobre que fará. Hai partidarios de votar non, de se abster e tamén de dar un si crítico.

Unha vez aprobada a lei, esta será publicada no Boletín Oficial de Provincial (BOP). Entón xa poderá o goberno catalá asinar o decreto de convocatoria do referendo do 1 de outubro. Neste punto o movemento do goberno español xa é coñecido: presentar un recurso de inconstitucionalidade pedindo a suspensión cautelar inmediata desa decisión.

De por parte, o Tribunal Constitucional pode optar polo artigo 96 da Lei Orgánica que lle atribuíu capacidade sancionadora e impor unha multa coercitiva ou ben a suspensión dos cargos que desobedeceron os seus requerimentos –non é unha inhabilitación-.

Comentarios