Soberanía fiscal

A Agència Tributària de Catalunya, disposta a recadar todos os impostos

É unha peza basilar do proceso de autodeterminación en Catalunya, a asunción de todas as competencias en materia fiscal. Para lle dar ao asunto o máximo realce institucional posíbel, Puigdemont e Junqueras -presidente e vicepresidente da Generalitat, respectivamente- compareceron esta segunda feira ante os meios para os informar de que xa se ten completado o despregamento territorial da Agència Tributària de Catalunya.

Carles Puigdemont e Oriol Junqueras apresentan a Agència Tributària de Catalunya
photo_camera Un momento da comparecencia informativa

Non hai soberanía política sen soberanía fiscal e Catalunya continúa a dar pasos decididos para se dotar de instrumentos que lle permitan recadar a totalidade dos tributos. Se o referendo do 1-O abrise a porta da independencia do país, a Generalitat xa disporía dun ente -a ATC- con capacidade técnica para ser a única Facenda do país. A Agència -resaltou Puigdemont- estaría "preparada para recadar uns 42.000 millóns de euros anuais", unha cantidade que, segundo as cifras oferecidas polo vicepresidente do Govern, multiplicaría por 15 o que a ATC ten previsto recadar en 2017.

É obvio que terá de haber unha fase de transición e que a ATC non asumiría plenas competencias o 2-O, na eventualidade de o SI se impor no referendo. "Todo dependerá do marco politico", dixo Junqueras, quen, dada a natureza das súas competencias, asumiu todo o protagonismo da comparecencia. O líder de ERC mostrou a súa confianza en que todos os axentes -e nomeadamente o Estado- asuman os resultados do referendo e colaboren conxuntamente durante o proceso de desconexión.

Nos últimos meses, e para completar a cobertura territorial do país, a ATC ten aberto 15 novas oficinas e ten incrementado tamén o seu cadro de persoal, pasando das 321 ás 700 persoas, coa perspectiva de criar 100 novas prazas durante o outono.

A Agència -segundo os dados oferecidos por Junqueras- tería desembolsado uns 35 millóns de euros para asumir funcións até o de agora subcontratadas, como a recadación das débedas impagadas -neste momento nas mans da Facenda española- ou a captación de recursos no territorio -labor que viñan desempeñando os rexistadores da propiedade.

Comentarios