A capital galega celebrará o 25 de Xullo o 'Alba de Compostela'

Goretti Sanmartín presentou esta segunda feira a homenaxe que fará o Concello.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Concello de Santiago de Compostela contará o 25 de Xullo cun acto propio no que se homenaxearán persoas e institucións de relevo e arraigo na cidade. Segundo sinalou na presentación da xornada a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “a selección das persoas honradas debe atender a criterios de identificación con Santiago, arraigo social, relevancia ou proxección”.

A alcaldesa de Compostela indicou que co acto preténdese “homenaxear, no centro das celebracións festivas, persoas, institucións e organizacións que constrúen Compostela todo o ano” e “darlle cabida a unha representación da sociedade, de xeito transversal e inclusivo, nas celebracións oficiais”. Goretti Sanmartín explicou que se trata de “instaurar un acto propio do Concello de Compostela para celebrar o día grande da festa máis importante do calendario anual”, de “reafirmar o papel de Santiago como capital da Galiza, vinculándoo á historia e ao futuro.

A rexedora da capital da Galiza afirmou que se “enriquecerá o acto con algún contido histórico, cultural ou artístico, que amenice, explique e contextualice o papel de Compostela na historia da Galiza e poña o foco na construción colectiva que nos trouxo até aquí e que continúan as persoas homenaxeadas, e moitas outras, cada día desde os seus diferentes ámbitos de actuación”.

O acto, que nace con vocación de continuidade, denominarase ‘Alba de Compostela’, en referencia ao discurso ‘Alba de Gloria’, pronunciado por Daniel Castelao hai 75 anos no exilio arxentino, onde repasa personaxes e feitos históricos que contribuíron a construír a identidade da Galiza e da súa capital desde a Idade Media.

Críticas da oposición

A proposta do Goberno local foi criticada desde as filas da oposición. Así, o vicevoceiro do Partido Popular, José Antonio Constela, amosou a desconformidade  do PP con este acto, asegurou que o Concello "xa ten o seu propio acto", dixo en referencia á Ofrenda ao Apóstolo, e cualificouno de "aquelarre nacionalista".

Pola súa parte, o portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, considerou “lamentábel  que persoas e institucións, merecedoras deste recoñecemento sexan utilizadas como escudo político e véxanse inmersas neste tipo de polémicas por unha actitude totalmente irresponsábel da alcaldesa”.

Comentarios