Canto custará o acto de xura da Constitución da Princesa Leonor? O BNG exixe coñecer a contía total

O Congreso someteuse nas últimas horas a múltiples obras e arranxos contra o reloxo, desmontando a tribuna de oradores e a da Presidencia da Cámara e mais os escanos e colocando no seu lugar 600 cadeiras de veludo.
Obras no Congreso dos Deputados de cara ao acto de xura da Constitución española da princesa Leonor de Borbón. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera Obras no Congreso dos Deputados de cara ao acto de xura da Constitución española da princesa Leonor de Borbón. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de preguntas escritas no Congreso exixindo ao Goberno español en funcións que detalle o custo total que suporán para as arcas públicas os actos programados polo acto de xura da Constitución por parte da Princesa Leonor de Borbón, convocado para esta terza feira, coincidindo co seu décimo oitavo aniversario e, polo tanto, a súa maioría de idade.

Na súa iniciativa, o deputado e portavoz nacionalista na Cámara baixa, Néstor Rego, sospeita que esta cerimonia carrexará "un elevado desembolso" de diñeiro público, ben dos fondos asignados anualmente á Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado, ben directamente a cargo de distintas partidas ministeriais.

Rego cita, en concreto, que a cerimonia de proclamación do Rei Felipe VI en 2014 supuxo ás Cortes máis de 130.000 euros e que o custo total no caso dos actos de celebración do cuadraxésimo aniversario da Constitución ascendeu ao medio millón. O deputado non pregunta polos custos desta cerimonia para o Congreso e céntrase en actividades dos ministerios de Defensa e de Interior, así como da Casa Real.

A sede parlamentaria foi sometida nas últimas horas a múltiples obras e arranxos contra o reloxo, desmontando a tribuna de oradores e a da Presidencia da Cámara e mais os escanos e colocando no seu lugar 600 cadeiras de veludo.

Desfile e xantar

Así, pide saber que custo terá a presenza e o desfile militar que haberá esta terza feira na Carrera de San Jerónimo de Madrid, fronte ao Congreso, con motivo desta cerimonia, e exixe dar conta dos gastos do xantar e resto de festexos que terán lugar no Palacio Real, ao termo de acto central na Cámara Baixa.

Tamén quere saber canto custará o colar da Orde de Carlos III que a Princesa Leonor recibirá e quen o sufragará, así como o gasto público que traerá consigo o despregamento do dispositivo policial e de seguridade extraordinario con motivo deste evento, así como as distintas actuacións que correrán a conta do Goberno estatal.

O BNG é un dos partidos que non acudirá á cerimonia parlamentaria desta terza feira na que a herdeira da Coroa española xurará a Constitución. Desde a formación nacionalista alegan que se trata dun acto protocolario "para a continuación dunha institución anacrónica e que se mantén por imposición da vontade do ditador Franco como herdanza do franquismo".

Comentarios