Ao pouco de fechar os colexios electorais, Miguel Tellado, secretario xeral do PP na Galiza, agradecía as votantes a participación nos comicios estatais deste domingo, “grazas por vencer o cansazo electoral, o tedio de repetir eleccións, mesmo a meteoroloxía adversa dunha xornada complicada”.
Lembrou Tellado que “ninguén” pediu estas eleccións, que teñen lugar, dixo, “polo capricho e irresponsabilidade” do líder do PSOE, Pedro Sánchez.
Rubén Cela, responsábel de campaña do BNG, puña de manifesto a “evidente” baixada da participación que ás 18 horas sufría un descenso de máis de 5 puntos a respecto dos comicios de abril, case 2 puntos a respecto da media estatal. “Nunca é unha boa nova a baixada da participación”, sinalou o nacionalista.
Cela atribuíu o descenso “ao cansazo e malestar” das votantes “coas forzas políticas de ámbito estatal”, as que acusou de seren “incapaces de xestionar os resultados das anteriores eleccións e a conformación dun goberno e trasladáronlle ese problema á sociedade”.
Desde En Común-Unidas Podemos salientouse que a participación, malia descender a respecto do mes de abril, “mantense dentro do nivel que se viña mantendo na serie histórica”. Este feito é, para Podemos, IU e as súas confluencias, “signo de madureza e de que a cidadanía segue mobilizada”.