Sen dereito de voto na coordenadora

A candidatura oficial propón que En Marea teña tres portavocías, nengunha delas para Villares

Paradoxo nas primarias de En Marea: a candidatura en que vai Villares non quer que o ex xuíz sexa o portavoz da organización, en tanto que as listas dos sectores críticos, si. O voceiro parlamentar estará na Coordenadora, máximo órgao executivo, mais sen dereito a voto.

Luís Villares

As teses da Marea Atlántica acabaron aparentemente por se impor no seo da candidatura oficial que concorre ás primarias da confluencia, o que implica que se aplicará a Luís Villares unha sorte de incompatibilidade política que lle impedirá ser á vez voceiro do grupo parlamentar e portavoz do partido instrumental.

Non só non poderá ser portavoz -a portavocía reservaríase para dúas mulleres e un home-, senón que tampouco terá dereito a voto nos órgaos de dirección.

Así, de acordo co Documento Político co que esta candidatura concorre ás primarias, e ao que tivo acceso Europa Press, "os portavoces de En Marea no Parlamento da Galiza e no Congreso dos Deputados formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e a Coordinadora, onde non ostentarán nengunha das tres portavocías, que serán ocupadas por dúas mulleres e un home".

A situación de Villares é enormemente paradoxal porque os sectores que defenden a súa candidatura como portavoz son os que concorren nas listas alternativas á oficial, as que encabezan Davide Rodríguez (Anova, ex alcalde de Manzaneda) e Consuelo Martínez (ex deputada no Hórreo e militante de Cerna).

Fontes de En Marea consultadas por Sermos indicaron que o debate sobre se finalmente Luís Villares terá dereito de voto ou non na coordenadora, o máximo órgao executivo, non está aínda fechado

Fontes de En Marea consultadas por Sermos indicaron que o debate sobre se finalmente Luís Villares terá dereito de voto ou non na coordenadora, o máximo órgao executivo, non está aínda fechado. Vai depender, e moito, de que correlación de forzas teña o Consello das Mareas. Paradoxalmente, Villares irá achar máis amparo na representación que as candidaturas críticas vaian ter na cúpula da organización -os postos vanse distribuír en proporción directa aos votos obtidos nas primarias- do que na candidatura oficial. 

As once persoas que propón a candidatura oficial para a dirección de En Marea son as seguintes: Victoria Esteban (Lugonovo), Xosé Manuel Beiras (portavoz nacional de Anova), Gladys Afonso (Anova e Marea Atlántica), Iago Martínez (Marea Atlántica), Noemí Ramos (Esquerda Unida), Javier Octavio de Toledo Delgado (Ourense en Común), Sara Torreiro (Foro Galego), Pedro José Rivera Rodríguez 'Peyo' (Marea de Vigo, Podemos), Ana Seijas, Rafa Dopico (Anova) e Borja San Ramón (Podemos).

Comentarios