23-X

A campaña electoral, con 23 escanos en disputa na Galiza, arranca esta medianoite

Vigo, A Coruña, Compostela e Ferrol acollerán os actos principais.
Carteis electorais en Santiago co gallo das eleccións municipais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carteis electorais en Santiago co gallo das eleccións municipais. (Foto: Nós Diario)

A carreira cara ás urnas arrinca oficialmente na medianoite desta quinta a sexta feira. Horas antes do inicio oficial, o líder do PP español e candidato á Presidencia do Goberno estatal, Alberto Núñez Feixoo estará na súa aldea natal dos Peares (A Peroxa, comarca de Ourense), unha viaxe ás súas orixes como xa fixera no inicio das eleccións galegas de 2016 e 2020.

O seu vicesecretario de organización e número 1 ao Congreso pola Coruña, Miguel Tellado, será un dos protagonistas da pegada de carteis encabezada polo presidente do PP galego, Alfonso Rueda. Así, a tradicional pegada será na única cidade galega na que o PP goberna, Ferrol.

O BNG elixe a capital galega para comezar a campaña. Aínda que é habitual que a formación inicie a carreira cara ás urnas en Compostela, nesta ocasión ten maior simbolismo ao estar a Alcaldía en mans do BNG. O acto estará encabezado pola portavoz nacional, Ana Pontón, e decorrerá no Toural. Previamente, Pontón asiste á presentación oficial da campaña do BNG coa presenza dos cabezas de lista, Néstor Rego, Carme da Silva, Daniel Castro e Noa Presas.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, estará na pegada de carteis en Vigo cos candidatos pola circunscrición de Pontevedra e o seu cabeza de lista, David Regades, aínda que haberá actos nas outras tres circunscricións.

Sumar reunirá ás súas dúas principais referentes na Galiza, Marta Lois (cabeza de lista pola Coruña) e Verónica Barbeiro (Pontevedra) canda a candidata á Presidencia do Goberno estatal, Yolanda Díaz, na Coruña. Até alí tamén se vai desprazar a ex alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, quen une as súas forzas a Díaz para este inicio de campaña.

Comentarios