Boa sintonía entre Rueda e Lores para avanzar en proxectos para Pontevedra

A Xunta comprométese a estudar a variante de Alba.
Miguel Anxo F. Lores, Alfonso Rueda e Agustín Reguera, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Anxo F. Lores, Alfonso Rueda e Agustín Reguera, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo na tarde desta segunda feira un encontro institucional co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no que tamén estiveron presentes o concelleiro pontevedrés de Infraestruturas, César Mosqueira, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Foi unha longa conversa, de tres horas, na que se abordaron diferentes proxectos de futuro para a cidade do Lérez e da que os dirixentes saíron con boas sensacións.

Dentro dos asuntos debatidos figurou a variante de Alba, un viario demandado durante anos polo Concello que Rueda se comprometeu onte a estudar. "Imos darlle unha volta entre todos e todas, e os técnicos municipais e autonómicos traballarán para ver como podemos facer. É algo positivo, pois non se fecha definitivamente o tema. Nós sempre argumentamos que esta é unha vía imprescindíbel e cremos que temos a obriga de chegar a un acordo", celebrou Lores.

A Xunta tamén valorará a ampliación do polígono do Campiño. E no referido á Xunqueira da Gándara, ambas as administracións afirmaron estar "filosoficamente de acordo". "Vemos que é un espazo natural ocupado por concesións rematadas e hai un ánimo por parte da Xunta para trasladar as dependencias que alí están", precisou o rexedor sobre outro dos crebacabezas da cidade.

Aliás, acordaron que a coñecida como estrada vella de Marín, a PO-546, pase a ser de titularidade municipal unha vez remate o proxecto de urbanización e humanización que a Consellaría está a realizar, mentres no tocante ao futuro Hospital de Montecelo Rueda confirmou que a obra para a creación da cafetaría e do aparcadoiro será realizada pola Xunta e logo sacarán a concurso a concesión de ambos os dous espazos. Outras cuestións como o dragado da ría ou a rehabilitación de Santa Clara tamén se abordaron.

Comentarios