Política

O BNG crea un comité de expertas para a "reactivación económica e social" da Galiza

As expertas elaborarán as liñas mestras dun plan de reactivación socioeconómico que o BNG vai propoñer á sociedade galega para superar o escenario de crise derivado da COVID-19.
Ana Pontón (BNG).
photo_camera Ana Pontón (BNG).

Unha aposta clara polo público, pola xustiza social e polo autogoberno en chave de país. Estes son os piares para inciar a "recuperación económica e social" da Galiza que defende o BNG e sobre os que traballará un "comité asesor" integrado por expertas para presentar unha alternativa á cidadanía diante da crise do coronavirus. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta cuarta feira ás integrantes deste comité, coordinado pola avogada Ester Vázquez e polo académico Xosé Manuel Carril, que ten como encomenda elaborar as liñas mestras dun plan de reactivación socioeconómico que a formación nacionalista vai propoñer á sociedade galega para superar o escenario de crise derivado da COVID-19.

Nel participan expertan de distintos eidos, como os ex reitores das universidades da Coruña e Vigo, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato; os ex conselleiros de Medio Rural e de Industria, Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco; integrantes do ámbito académico e da investigación como María do Carmo García Negro, Edelmiro López Iglesias, Bernardo Valdés, Anxo Calvo, Ánxela Fernández, María Xosé Vázquez, Mar Pérez Fra ou María de la Fuente; e referentes sindicais como Xesús Seixo.

"Un programa pensado desde a nosa realidade e desde cinco principios: defensa do autogoberno e dun sector público potente como motor de desenvolvemento económico e garante da xustiza social; impulsar o tecido produtivo galego; aposta estratéxica pola ciencia e o coñecemento; fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade e os servizos sociais, e enfrontar as consecuencias do cambio climático", explicou Pontón.

Pontón salientou que "non se pode repetir o sálvese quen poida" de 2008. "Se a crise financeira de 2008 tivo como resposta dos Gobernos o rescate da banca, na crise do coronavirus de 2020 a resposta ten que ser o rescate da economía produtiva, dos traballadores e traballadoras, o rescate  das persoas, da economía real e dos servizos públicos", asegurou.

Neste sentido, a líder nacionalista insistiu na necesidade de "reforzar o autogoberno": "A solución aos problemas non vai vir de Madrid, nin dunha visión centralista do Estado, senón deseñando unha estratexia de futuro propia, unha resposta galega".

"Galiza ten que ser un país con máis capacidade para decidir sobre si, con máis capacidade para facer que os seus recursos creen riqueza e emprego no país e cun goberno forte que interveña con decisión para asegurar dereitos e servizos públicos á sociedade. Nesa liña imos traballar no BNG", abundou.

Secuestro do Parlamento

Ana Pontón tamén denunciou o "secuestro" do Parlamento da Galiza por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao que acusou de "amordazar" o poder lexislativo, e empregar a televisión pública para facer "partidismo cutre" no medio dunha pandemia "cando debería ter unha posición de leal colaboración coas forzas parlamentares para sumar propostas e medidas a favor do país.

A líder nacionalista criticou que mentres Feixoo mantén a Cámara galega pechada, e mesmo ten "bloqueada" a Deputación Permanente, utiliza a TVG como "gabinete de comunicación" do PP. "Pregúntome porque pode comparecer 16 veces na TVG nun mes e só unha vez no Parlamento, que é a sede da soberanía popular?", incidiu, pois a súa formación ten rexistrada unha petición de comparecencia urxente do presidente pola "nefasta" xestión das residencias de maiores.

Comentarios