Feixoo dá por “desactivada a fase aguda" do coronavirus na Galiza

O presidente afirma que "estamos contendo a pandemia". 

Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón/Xunta).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón/Xunta).

Feixoo compareceu máis unha vez a través de videoconferencia para falar do coronavirus. Ao longo deste mes de estado de alarma só compareceu unha vez na Deputación permanente para falar desta cuestión, mais suma ducias de horas de intervencións a través de televisión ou streaming.

Esta volta, Feixoo anunciou, após reunirse o día anterior co comité clínico que analiza os pasos a dar para combater o coronavirus, que na Galiza a fase aguda do mesmo está "desactivada", polo que "afortunadamente" non será necesario acudir aos hospitais de campaña que foran deseñados para Expocoruña e o Multiusos do Sar de Compostela.

Feixoo, que participou canda o ministro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nesa reunión do comité clínico galego, destacou a evolución dos datos de infección na Galiza. De feito, subliñou que a evolución da curva "é boa", que se afasta cada vez máis "do pico" e que o número de persoas infectadas por día "caeu en 74%".

"Estamos a conter a pandemia", proclamou o presidente galego, quen apelou a seguir traballando "co mesmo rigor" e a "non baixar a garda" para evitar un posible "rebrote".

En todo caso, tras rexeitar a "compracencia", indicou que o comité decidiu, á vista dos datos, dar por superada a fase aguda da crise sanitaria e baixar "do nivel tres ao dous" dentro do plan de continxencia co que se traballa. Así, confirmou que, en principio, non será necesario empregar hospitais de campo.

Todo isto, sempre que non haxa "crecemento nos próximos meses ou a finais de ano. "O desexo é que nunca se usen", sentenciou, antes de defender, en todo caso, a decisión de planificalos e agradecer ás compañías que contribuíron con doazóns de material e outros elementos para que estean preparadas para a súa activación inmediata. se é necesario.

Comentarios