28-M

O BNG de Vigo busca ser “a alternativa” na primeira cidade galega

A fronte nacionalista comezou a planificar o traballo de cara a un novo mandato no que “intensificará, aínda máis, a iniciativa política e multiplicará o traballo a pé de rúa”.

A Comisión Permanente do Consello Local do BNG de Vigo reuniuse esta segunda feira para planificar o traballo do novo mandato. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Comisión Permanente do Consello Local do BNG de Vigo reuniuse esta segunda feira para planificar o traballo do novo mandato. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Vigo recolleu o impulso recibido nas urnas o pasado 28 de maio para pórse en marcha “desde xa” co obxectivo de ser “a alternativa na primeira cidade galega”.

Así o definiu esta segunda feira a Comisión Permanente do Consello Local dos nacionalistas vigueses, apenas 24 horas despois dunha xornada electoral que se traduciu “nun importante salto adiante” do BNG, que o pasado 28-M triplicou a representación institucional no Concello de Vigo.

O órgano executivo do BNG local valorou “moi positivamente” os resultados conseguidos, que fixeron do BNG a forza que máis subiu na cidade, en contraposición cos case 18.000 votos que perderon os socialistas, malia continuar gobernando a cidade olívica cunha ampla maioría.

A este respecto, o candidato á alcaldía e futuro Portavoz do Grupo municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, fixou como obxectivo da formación “avanzar moito máis”. “Nos últimos catro anos, cun único concelleiro, fomos quen de nos referenciar como a verdadeira oposición, pero unha oposición construtiva e con propostas”, afirmou.

“Agora, co empurre das máis de 15 mil persoas que votaron BNG o pasado 28M imos traballar para sermos de novo unha forza determinante e converternos na alternativa das moitas viguesas e vigueses que saben que Vigo merece máis e que queren abrir un tempo novo na maior cidade de Galiza”, engadiu Igrexas.

Novo mandato

Con este horizonte, Igrexas chamou a “non perder nin un minuto e a traballar desde xa”, intensificando a actividade política da formación nacionalista, “estreitando aínda máis o noso contacto e cooperación cos movementos sociais”.

A xuntanza da Comisión Permanente do BNG de Vigo serviu para comezar a planificar traballo do vindeiro mandato, tanto no que ten a ver na organización do futuro Grupo municipal como tamén na definición das liñas de actuación. Unha tarefa que será completada, segundo comunican os nacionalistas, polo Consello Local e pola Asemblea de militantes da fronte nacionalista que se celebrarán nos vindeiros días.

Comentarios