O BNG ve uns orzamentos feitos co "piloto automático"

Noa Presas considera que o proxecto "ancora a Galiza no pasado".
A deputada electa do BNG Noa Presas nunha foto de arquivo. (Foto: Arxina)
photo_camera Noa Presas

Un proxecto de Orzamentos 2024 “baseados na inercia, ao servizo dos grandes intereses e que ancoran a Galiza no pasado”; unhas contas que son “publicidade enganosa”, nas que “a proposta de ingresos é mala, e a proposta de gasto, peor”. Así de contundente se manifestou esta segunda feira a portavoz de economía do BNG no Parlamento galego, Noa Presas, ao valorar as contas, cuxa devolución pedirá a formación nacionalista. 

“Ante un contexto que segue a ser excepcional, temos uns orzamentos rutineiros e en piloto automático”, considerou Presas que, no que se refire aos ingresos, cualificou as contas de “raquíticas”, pois o seu aumento non vai en proporción á inflación.

Con estes orzamentos, manifestou, a Galiza perde ademais capacidade de actuación, xa que a “política fiscal antisocial do PP” e os “beneficios aos máis ricos” implican a perda de arredor de 500 millóns de euros “que poderían financiar medidas como a subida das pensións non contributivas”.

A deputada nacionalista acusou a Xunta da Galiza de disfrazar as contas de sociais cando "nin se compensa o recorte acumulado en Atención Primaria (2.000 millóns de euros) nin soben as axudas sociais confirme ao IPC”. Presas salientou, por outra parte, que o propio informe financeiro asume a falta de transferencia real dos fondos europeos e a ralentización económica. E anticipou que, ás “mesmas receitas, mesmos resultados”.

"Lobby enerxético"

Criticou ademais a “fraude democrática” que supón de novo a coñecida como Lei de acompañamento, un “cabalo de troia” para cambiar pola “porta de atrás” leis que nada teñen a ver cos orzamentos. “Modifican 32 leis e 11 decretos para pór a alfombra vermella ao lobby enerxético e cambiando leis como a de economía, a eólica ou a da minería", advertiu. 

Comentarios