O BNG ve un PP arrepentido na Deputación de Pontevedra: "Se puidesen, borrarían as decisións que tomaron"

No seu balance do que vai de mandato, o portavoz do BNG na Deputación pontevedresa, César Mosqueira, sinalou onte que o novo Goberno tomou unha serie de decisións "a cada cal máis infortunada que a anterior".
César Mosqueira
photo_camera César Mosqueira

Cando se fan seis meses da toma de posesión por parte do PP do Goberno da Deputación de Pontevedra, o grupo do BNG na institución fai balance e móstrase convencido de que "despois de meses de parálises e de decisións moi desafortunadas" o equipo do presidente Luís López tenta "reconducir a situación" e, se puidesen, "borrarían gran parte" dos anuncios iniciais en asuntos como os do convento de Santa Clara, os plans Revitaliza e Ágora, o Museo de Pontevedra ou as novas subvencións aos Concellos.

No seu balance do que vai de mandato, o portavoz do BNG na Deputación pontevedresa, César Mosqueira, sinalou onte que o novo Goberno tomou unha serie de decisións "a cada cal máis infortunada que a anterior".

Segundo o nacionalista, entre esas decisións está "cargarse" o Plan Revitaliza de compostaxe e o Ágora de mobilidade, paralizar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo e o convento de Santa Clara "querendo anular o concurso", así como "deixar o Museo sen dirección"ou encargar un plan de infraestruturas deportivas "feito á medida dalgúns Concellos".

"A crúa realidade"

Mosqueira asegurou que "despois dalgúns meses o Goberno popular tivo que aterrar na crúa realidade" e empezou a "recompor" toda esta serie de decisións. "Estou absolutamente convencido de que se puidesen borrar ese momento, volver a xullo e non facer nada, estar quietos, creo que o farían", manifestou.

Comentarios