Parlamento

O BNG urxe a restitución da tarxeta básica e acusa a Xunta de "abandonar as persoas vulnerábeis"

O PP recoñece que a medida funcionou pero volve desbotar poñela en marcha de novo.
A deputada nacionalista Olalla Rodil, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada nacionalista Olalla Rodil, no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A portavoz parlamentaria de Política Social do BNG, Olalla Rodil, vén de reclamar a restitución da tarxeta básica co obxectivo de "paliar as urxencias das persoas que máis o precisan" e que, salientou, "viron agravada a súa situación pola forte inflación que se está a padecer".

Neste senso, acusou a Xunta da Galiza de "contribuír a empeorar a situación de milleiros de fogares galegos" e non axudar "a poboación máis vulnerábel", nun momento no que medra o número de persoas "en situación de pobreza e risco de exclusión".

"A Xunta non adoptou nin unha soa medida no marco das súas competencias para aliviar a escalada de prezos, senón que retira o pouco que había co cal está a contribuír a empeorar a situación económica de milleiros de fogares galegos", lamentou a deputada, que lembrou que o BNG demandou hai máis dun ano a regulación desa axuda básica para sufragar os gastos en alimentación, "sen obter resposta ningunha do Goberno galego".

Así, Rodil instou o Executivo de Alfonso Rueda a "manter a tarxeta básica para garantir con carácter de urxencia acceso a produtos de primeira necesidade a poboación en situación de pobreza e risco de exclusión social e darlle un carácter permanente como ponte cara á outras prestacións económicas que tardan en ser tramitadas".

O PP recoñece a utilidade da medida, mais négase a mantela

Esta mesma terza feira tanto BNG como PSdeG demandaron na Cámara galega que se manteña esta axuda, unha demanda que non foi escoitada polo PP, malia que este partido gabouse de ser Galiza o territorio do Estado pioneiro en activar esta medida e destinar a ela 41 millóns de euros.

O deputado popular Alberto Pazos Couñago manifestou que a Xunta "non muda o seu compromiso contra a pobreza", mais defendeu a supresión desta axuda, que beneficiou milleiros de familias galegas.

"Ningunha comunidade gobernada por socialistas ou nacionalistas implantou unha tarxeta así", dixo. Unha tarxeta que se suprimiu o pasado 1 de xullo e que fora aprobada no contexto da pandemia da Covid-19.

Comentarios