A CIG reivindica unha Galiza "libre de eólica mariña" polos "riscos" para a pesca

"A Galiza está sometida a un novo e intenso proceso de colonización enerxética que, se no franquisimo destruíu os ríos, agora vai polas terras, os montes e o mar", afirma Paulo Carril.
#eólica_mariña #eolicamariña #eólicamariña #eolicos #eólicos (Foto: Nós Diario)
photo_camera "O país non saca ningún proveito desta actividade", denuncia a CIG. (Foto: Nós Diario)

O manifesto da Plataforma en defensa da pesca contra a delimitación para a eólica mariña que recollen os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), con afección directa a diferentes caladoiros e que deixa a Galiza con case a metade (47%) das zonas previstas, segue a sumar apoios. Esta quinta feira a CIG subscribiu o texto e reivindicou unha Galiza "libre" de eólica mariña, por mor do "risco" que esta actividade supón para a actividade pesqueira no país. Ademais, chama a participar da protesta que decorrerá o próximo 11 de marzo ante a Delegación do Goberno na Coruña.

Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato nacionalista exixe a retirada do real decreto, que se respecte a actividade pesqueira e os ecosistemas e que se traballe a todos os niveis para dispor da "información máis axustada" para acometer a ordenación dos espazos mariños.

O sindicato, aliás, avisa do "limitado" coñecemento científico que existe a día de hoxe sobre a afectación que estas instalacións teñen nos ecosistemas mariños e sinala que no "espírito da norma" esta actividade industrial está concibida como un fin en si mesmo.

A CIG considera que se profunda nunha concepción da transición que "non corresponde aos principios dunha transición ecolóxica xusta, nin arranxa os defectos estruturais do actual sistema", senón que aposta pola "produción intensiva e centralizada" da enerxía, por "manter os beneficios do lobby enerxético" e por "primar o interese privado" sobre o público.

"As grandes corporacións empresariais son as que planifican e deciden, valéndose de inxentes recursos públicos, limitándose os Gobernos para executar unha transición enerxética cada vez máis inxusta social e territorialmente", lamenta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A este respecto, asegura que, desde hai décadas, a Galiza desempeña por "imposición política de Madrid" un papel de subministrador de enerxía eléctrica para o resto do Estado español e agora está sometida a "un novo e intenso proceso de colonización enerxética que, se no franquisimo destruíu os ríos, agora vai polas terras, os montes e o mar".

A central sindical critica que "a pesar dos graves e importantes custos sociais e ambientais", o país non sacou ningún proveito desta actividade e segue sen poder contar cunha tarifa eléctrica galega que garanta un desenvolvemento económico, social e industrial que cre postos de traballo.

Por todo iso, considera que é necesario mobilizarse para conseguir unha Galicia libre de eólica mariña e para reclamar un modelo enerxético xusto e sostible, que atenda á enerxía como un dereito fundamental da sociedade e dos pobos para ter unha vida digna, que poña o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e a especulación.

Comentarios