Rego sobre o POEM: “Os buques pesqueiros non cotizan en bolsa, as grandes enerxéticas, si”

O BNG, a través do seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, expresou o seu rexeitamento ao Plan de ordenación do espazo mariño (POEM) aprobado na terza feira polo Goberno estatal, ao entender que “pon en perigo a actividade pesqueira galega e os ecosistemas mariños”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: BNG).
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: BNG).

A formación nacionalista advirte de que o POEM “afectará negativamente o sector pesqueiro galego e, por tanto, o desenvolvemento económico da Galiza” e considera que a plataforma continental galega non é a adecuada para implantar estes proxectos eólicos.

O POEM aprobado, representa, dixo Rego, unha "nova labazada para o sector pesqueiro galego" e “reafirma a tese de que o Executivo estatal está a ser cómplice do boom eólico depredador”.

Rego puxo de manifesto que a Galiza concentrará case a metade dos MW de eólica mariña que está a tramitar o Goberno español "a pesar de que o sector pesqueiro galego sexa o máis importante do Estado español e un dos máis grandes de Europa".

"Vimos alertando durante os últimos meses de que a plataforma continental galega, por ser moi estreita, non é apta para instalar este tipo de parques que se situarían moi perto da costa, en zonas de interese pesqueiro  e mesmo coa concentración dun número elevado de embarcacións do sector pesqueiro que non ten comparación con ningún outro punto do Estado", afirmou o deputado nacionalista.

Rego lembrou a aposta do BNG por un modelo enerxético “con participación pública que defenda o territorio galego”. “Un modelo afastado do que defende o Partido Popular -desde a Xunta de Galiza- e o PSOE e UP -no Goberno do Estado- que priman os intereses das grandes empresas enerxéticas”, engadiu o nacionalista, que acusou o Executivo estatal de pórse do lado “das grandes empresas enerxéticas e non do sector pesqueiro galego”. “Os buques pesqueiros non cotizan en bolsa, as grandes empresas enerxéticas, si”, ilustrou.

Para Rego “é absolutamente contraditorio que a Comisión Europea pretenda fechar á pesca 30% do mar da UE para protexer os ecosistemas mariños e o Goberno español -tamén co apoio da Unión Europea- impulse a implantación de parques de eólica mariña”. "En todo o caso, ambas decisións son negativas para o noso país e conxuntamente fortemente lesivas para o sector pesqueiro galego.

O deputado nacionalista asegurou que o BNG “non quedará cos brazos cruzados”, tendo en conta que “está en xogo unha das actividades económicas máis importantes do noso país”.

Comentarios