O BNG trasladará un paquete de medidas ao goberno galego na reunión con Núñez Feixoo

A candidata nacionalista á presidencia da Xunta, Ana Pontón, adianta algunhas das medidas que presentarán desde o Bloque Nacionalista Galego para paliar a crise derivada do estado de alarma:  reforzar o sistema sanitario galego, reforzar a seguridade das traballadoras e traballadores que teñen que acudir ao seu posto de traballo e asegurar compensacións económicas.

Ana Pontón trasladará mañá á Xunta medidas para paliar as consecuencias do coronavirus [Imaxe: BNG].
photo_camera Ana Pontón trasladará mañá á Xunta medidas para paliar as consecuencias do coronavirus [Imaxe: BNG].

Ana Pontón, portavoz do Bloque Nacionalista Galego, vén de adiantar algunhas das medidas que mañá trasladarán ao Executivo galego. A nacionalista destaca que as medidas que van lanzar apostan por cuestións que se centran no “ámbito preventivo, no ámbito de actuación dos servizos sanitarios e na resposta á crise desde o punto de vista económico e social”. Pontón chamou a atención sobre a preocupación real que viven traballadoras e traballadores que xa perderon o seu posto de traballo e entre autónomas e autónomos que teñen os seus negocios pechados. Así pois, Ana Pontón urxe ás diferentes administracións, tanto a estatal como a galega, a que “asuman as súas responsabilidades e arbitren medidas de carácter extraordinario”.

Pontón chamou a atención sobre a preocupación real que viven traballadoras e traballadores que xa perderon o seu posto de traballo e entre autónomas e autónomos que teñen os seus negocios pechados

Entre elas, a candidata á presidencia da Xunta adianta que levarán algunhas medidas como “o estabelecemento dunha moratoria no pago de hipotecas, unha banca que nos debe 60 mil millóns de euros e que poderían descontarse desa moratoria das hipotecas”, engade. Tamén engade que é necesario poñer en marcha medidas de apoio ás persoas autónomas, a garantir que non vai haber despedimentos “aproveitándose desta crise” e, sobre todo, que as “traballadoras e traballadores que se vexan na rúa como consecuencia desta situación poidan ter axudas extraordinarias” e mesmo a “condonación nalgúns dos recibos ordinarios como pode ser o da luz, o da auga e o gas”.

Ademais deste adianto das medidas achegadas desde o Bloque Nacionalista Galego para paliar moitas das consecuencias que xa se están a vivir por causa desta crise sanitaria, Ana Pontón lanza tamén unha mensaxe de ánimo e fai fincapé en que, a pesar de estarmos nun momento difícil, “ con convicción e con cooperación imos saír adiante desta grave crise”.

Ana Pontón achega unha valoración das medidas sobre a declaración do estado de alarma

Desde o Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón fai un chamamento “á calma, á responsabilidade e á serenidade”. A voceira recoñece que, tanto a nivel nacional como estatal, se está a atravesar unha situación “difícil” e que “non é un momento de partidismos” e si de traballar “man a man” para superala e para que “a sociedade galega saia con éxito desta gran crise que vivimos”. Así mesmo, a nacionalista ofrece toda a colaboración e compromiso do BNG, desde a “militancia” até “todos e cada un dos gobernos do BNG”.

Ana Pontón acredita que é esta “a situación máis difícil que atravesamos nos últimos tempos”, mais que, aínda así, “temos a convicción de que grazas á sociedade galega” que é “firme, con capacidade e colaborativa", “imos ser capaces de superar con éxito esta situación”, engade.

Sobre as medidas adoptadas polo Goberno do estado após a declaración do Estado de alarma activada nesta madrugada mediante a publicación do Real Decreto, desde o BNG valoran que, desde un principio precisaron que era necesario fixar “medidas contundentes, claras e eficaces” e engade que o goberno se ten que esmerar ao máximo para traballar nesas liñas.

Así mesmo, a portavoz do Bloque “non oculta” que lle xera moitas dúbidas que a “recentralizaicón” das competencias vaia dar “unha mellor resposta a esta crise” xa que o Goberno galego coñece mellor “cales son os recursos, os medios”. Neste senso, Ana Pontón lembra que Galiza presenta características propias como o índice de envellecemento que fai que o país teña unha poboación de risco maior e, por iso mesmo, sería necesario “adoptar medidas que se adapten á realidade galega”. Aínda así, Pontón móstrase firme e declara que “agarda que este feito non provoque que se retrase a adopción de medidas e que haxa moito éxito á hora de poñer en marcha todos os mecanismos que sexan necesarios para poder superar esta crise”.

a portavoz do Bloque “non oculta” que lle xera moitas dúbidas que a “recentralizaicón” das competencias vaia dar “unha mellor resposta a esta crise”

Ana Pontón tamén lanza unha chiscadela a Pedro Sánchez en relación ás afirmacións do presidente do Goberno nas que afirmaba que “o virus non comprende de fronteiras”. “É certo que o virus non entende de fronteiras”, apuntou a nacionalista, “mais tamén é certo que o virus non afecta por igual a todos os territorios e que hoxe o principal foco do coronavirus está situado en Madrid”. Neste senso, Pontón lembra que perante esta situación sería bo levar adiante a proposta que desde o propio Bloque Nacionalista Galego para restrinxir a circulación nese ámbito e a de “blindar Galiza”, evitar saídas e entradas do país porque esta é “unha medida eficaz que xa se ten adoptado noutros territorios” que sufriron “antes ca nós esta crise” e que foi moi efectiva.

Así mesmo, Ana Pontón lembrou a xuntanza que teñen marcada para mañá, segunda feira, co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo; para falar sobre “propostas en positivo” co gallo de poder afrontar con éxito a crise do coronavirus. Entre as medidas que van propoñer mañá desde o BNG adianta a portavoz que serán propostas para reforzar o sistema sanitario galego, para reforzar a seguridade das traballadoras e traballadores que teñen que acudir ao seu posto de traballo e tamén medidas relacionados coas compensacións económicas. Todas elas “medidas que non son só competencia do goberno central” e polas cales a Xunta ten que poñerse a traballar.

Comentarios