O BNG responsabiliza o PP da “inseguridade xurídica” do sector eólico

Reclama un novo modelo baseado no “consenso, a defensa do medio ambiente e o retorno dos beneficios económicos e sociais” para os territorios afectados

A deputada electa do BNG Noa Presas nunha foto de arquivo. (Foto: Arxina)
photo_camera A deputada electa do BNG Noa Presas nunha foto de arquivo. (Foto: Arxina)

Ante a cascada de suspensións cautelares de novos proxectos eólicos e a consulta do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea(TXUE) sobre o repecto á normativa europea na tramitación ambiental dos mesmos, o BNG responsabiliza o PP da “inseguridade xurídica” do sector eólico e demanda un novo modelo “consensuado e ordenado” que defenda o medio ambiente e que o retorno dos beneficios económicos e sociais beneficien aos territorios afectados.

Para a deputada electa da formación nacionalista Noa Presas "a situación de parálise e inseguridade xurídica ten un único responsábel, o Partido Popular" e acusa o PP de "gobernar só para as eléctricas". Presas lembra que o PP tombou a lei e o concurso eólico do Goberno bipartito, decisión que supuxo "millóns de euros en indemnizacións".

Por outra banda, apunta que o PP tamén modificou a lei eólica en 11 ocasións de forma parcial a través doutras leis, "sen suficiente debate, nin consenso dos axentes implicados" ao que suma a carencia dos estudos necesarios e a falta de participación do CES. Ademais, engade que segue sen actualizar un plan sectorial eólico desde hai case 30 anos.

Para a nacionalista, o actual  modelo "só dá problemas, é contestado por concellos, organizacións sindicais e agrarias, o ecoloxismo e mesmo o propio Consello da Cultura Galega”.

Risco para o medio ambiente

Entre as moitas eivas que presenta o actual modelo eólico do PP, Noa Presas salienta “o risco para a preservación do medio ambiente e a falta de beneficios sociais e económicos” para Galiza e recalca que "a chapuza lexislativa deixa unha situación no sector de parálise e inseguridade da que é responsábel o Partido Popular".

Ante esta realidade, o BNG reclama un “cambio de modelo e un novo consenso eólico” que dea prioridade ás necesidades da Galiza e dos galegos e galegas, apostando pola defensa do medio ambiente e que os beneficios económicos repercutan nos territorios afectados garantindo a participación social da veciñanza.

Comentarios