O BNG recrimina ao Goberno estatal que non tope o prezo do combustíbel

Rego lamenta que exclúa os produtos pesqueiros da baixada do IVE
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecendo ante os medios. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecendo ante os medios. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou onte a "falta de ambición" do Goberno español no novo paquete de medidas contra a drise que, "máis unha vez", sinala o nacionalista, "non contempla reformas estruturais".

Rego recrimina a "renuncia" do Executivo español a topar o prezo final dos combustíbeis –unha vez que saca a bonificación de 20 céntimos por litro en 2023- ou a exclusión dos produtos pesqueiros, hoxe cun IVE de 10%, da baixada deste imposto a algúns alimentos básicos. "O Goberno decide cancelar a bonificación dos combustíbeis en 2023; unha medida que era claramente insuficiente, mais que serviu ás clases populares e sectores como a agricultura, a pesca ou o mundo do transporte" afirmou o deputado do BNG na Cámara española. 

Rego entende que a bonificación de 20 céntimos con carácter xeral podía e debía ser substituída por outra "máis eficaz no control dos prezos e máis xusta socialmente", como o estabelecemento dun tope ao prezo do litro para as persoas consumidoras finais, sen compensación ás empresas enerxéticas.

"As grandes enerxéticas estiveron obtendo lucros escandalosos nestes anos de crise, polo que o tope aos prezos —como se fixo coa bombona de butano—non só é posíbel, senón necesario", afirmou o representante nacionalista. Pola contra, apuntou Rego, o Goberno español optou por eliminar a bonificación "sen alternativa, abocando as clases populares a enfrontar unha suba do custo do combustíbel inasumíbel".

Así mesmo, denunciou "a falta de compromiso do Goberno do Estado ao non contemplar a baixada do IVE a produtos como o peixe a 0%. Esta baixada "suporía un factor positivo para a saúde de toda a poboación e repercutiría de maneira positiva nun sector tan importante na Galiza como o pesqueiro".

Doutra parte, o BNG valorou de maneira positiva a ampliación de determinadas medidas de protección social ou o cheque de 200 euros a familias que teñan rendas máis baixas.

Comentarios