Tope ao alugueiro, redución do IVE dos alimentos, cheque de compra... Estas son as medidas 'anticrise' do Goberno estatal

Suprime o IVE dos alimentos de primeira necesidade, mantén en vigor o límite á suba dos alugueiros e sobe as pensións contributivas en 8,5%.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, no Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
  1. Tope ao alugueiro
  2. Cheque de compra
  3. Redución do IVE dos alimentos
  4. Retirada do desconto xeral do combustíbel
  5. Suba das pensións
  6. Prórroga doutras medidas en vigor

O Goberno español pactou conxelar o prezo dos alugueiros cando se teñan que renovar contratos durante seis meses, dentro do paquete de medidas para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína que aprobará esta mesma terza feira o Consello de Ministros e que entrará en vigor o 1 de xaneiro.

Tope ao alugueiro

A conxelación de alugueiros foi unha das demandas fundamentais de Unidas Podemos dentro das negociacións deste terceiro paquete de medidas e foi tamén o principal escollo para sacar adiante o novo decreto. Desde UP celebraron a través das súas redes sociais o impulso desta medida, alén das relacionadas con aumentar o desconto ao transporte público e co cheque para o cesto da compra.

"Na negociación do novo escudo social apertamos moito para limitar a subida dos alugueiros, aumentar o desconto ao transporte público e para o cheque para o cesto da compra. Os poderes mediáticos chámano 'ruído'; nós, 'mellorar a vida da xente'", defendeu o portavoz de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique.

O presidente Pedro Sánchez afirmou que se prorrogará finalmente o límite de 2% da revalorización dos alugueiros.

Cheque de compra

En relación ao cheque de entre 200 e 300 euros que o Goberno prevé impulsar para aliviar o custo do cesto da compra das persoas máis vulnerábeis, o secretario de Estado de Dereitos Sociais, Nacho Álvarez, afirmou, nunha entrevista en RNE, que chegaría a "perto de 5 millóns de familias" e que se aplicaría "de forma inmediata". Álvarez afirmou que moitas das cuestións que se incluirán no decreto terán "previsibelmente" unha vixencia de seis meses.

Redución do IVE dos alimentos

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareceu ao termo do Consello de Ministros para anunciar diferentes reducións sobre o IVE, que se suprimirá por completo para os alimentos de primeira necesidade, antes gravados cun 4%. Outros como o aceite e a pasta redúcense á metade, pasando de 10 a 5%. A medida ficará seis meses en vigor

Retirada do desconto xeral do combustíbel

Una das medidas máis cuestionadas foi a prórroga da bonificación de 20 céntimos ao litro de combustíbel. Pablo Echenique, afirmou nunha entrevista concedida na mañá desta terza feira a TVE que as dúas formacións do Goberno de coalición coincidiron en que se debe retirar a subvención xeneralizada, aínda que manténdoa para os sectores profesionais.

De feito, a responsábel do departamento económico do Executivo, Nadia Calviño, aludía, entre os sectores que se poden ver máis afectados, o transporte, a agricultura, a gandaría e a pesca.

Suba das pensións

Tal e como se prevía nas contas para o vindeiro ano, as pensións contributivas subirán 8,5% en virtude da fórmula de revalorización estabelecida na primeira pata da reforma das pensións, en vigor desde pasado 1 de xaneiro de 2022, como resultado da media do IPC entre decembro de 2021 e novembro de 2022.

Con esta suba de 8,5%, as pensións mínimas contributivas aumentarán aproximadamente entre 18 e 113 euros ao mes, dependendo da clase de pensión e das circunstancias persoais. En concreto, o importe da pensión mínima para os xubilados de 65 anos con cónxuxe a cargo quedará en 966,19 euros ao mes en 14 pagas (fronte aos 890,5 euros ao mes actuais); a de sen cónxuxe (unidade económica unipersoal), en 783 euros (721,7 euros actualmente), e a de con cónxuxe non a cargo, en 743,2 euros mensuais (fronte aos 685 euros actuais).

Para os xubilados con menos de 65 anos, a pensión mínima con cónxuxe a cargo fíxase para 2023 en 905,8 euros ao mes (834,9 euros actualmente); sen cónxuxe, en 732,6 euros mensuais (675,2 euros agora), e con cónxuxe non a cargo, en 692,4 euros mensuais (638,2 euros actualmente).

Pola súa parte, a pensión máxima de xubilación situarase desde o 1 de xaneiro en 3.858,8 euros mensuais por catorce pagas, fronte aos 2.819,2 euros ao mes deste ano. As pensións mínimas de viuvez subirán entre 46 e 71 euros mensuais, dependendo das circunstancias. En concreto, a pensión mínima de viuvez para os titulares con cargas familiares situarase en 905,8 euros mensuais, en contraste cos actuais 834,9 euros ao mes.

No caso de ser maior de 65 anos ou de ter unha discapacidade maior ou igual ao 65% a pensión mínima de viuvez será de 783 euros mensuais, o que supón 61,3 euros máis que agora. Se o titular da pensión de viuvez ten entre 60 e 64 anos, a contía co novo ano será de 732,6 euros mensuais (675,2 euros actualmente), mentres que no caso dos beneficiarios menores de 60 anos a prestación será de 593,2 euros mensuais (546,8 euros este ano).

Así as cousas, a pensión mínima contributiva de gran invalidez subirá desde o 1 de xaneiro até os 1.449,3 euros mensuais (1.335,8 euros actualmente) se se ten cónxuxe a cargo, e ascenderá até os 1.174,6 euros se non se ten cargo ao cónxuxe (unidade económica unipersoal), en contraste cos 1.082,6 euros ao mes actuais.

A pensión mínima por incapacidade absoluta ou total dos titulares con 65 anos con cónxuxe a cargo será o próximo ano de 966,2 euros ao mes, en contraste cos 890,5 euros actuais, mentres que a de quen non teñen cónxuxe a cargo (unidade económica unipersoal) será de 783 euros mensuais (721,7 euros actualmente).

No caso das pensións de orfandade, o importe mínimo ascenderá desde o vindeiro domingo a 239,4 euros mensuais por beneficiario (agora son 220,7 euros), mentres que se o beneficiario ten menos de 18 anos e conta cunha discapacidade superior ou igual ao 65% a contía será de 470,9 euros mensuais, 36,9 euros máis que en 2022. A pensión mínima en favor de familiares situarase co novo ano en 239,4 euros mensuais, fronte aos 220,7 euros actuais.

Prórroga doutras medidas en vigor

Malia que o Goberno español non contemplou case ningunha medida de prórroga nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2023 para responder as consecuencias da guerra en Ucraína, fontes do Ministerio de Facenda asumen que se terán que prorrogar "bastantes medidas" actualmente en vigor. A única excepción que se inclúe nas contas públicas do próximo ano é a gratuidade dos billetes de proximidade e Media Distancia para viaxeiros frecuentes de tren, que suporán uns 660 millóns de euros ao longo do exercicio.

Entre as medidas que xa se confirmaron que se prorrogarán destaca o límite de 2% para a actualización das rendas de alugueiro e a suba de 15% das pensións non contributivas, logo do acordo do Goberno con EH Bildu para lograr o seu apoio aos Orzamentos de 2023.

En materia fiscal, o Goberno impulsou unha batería de medidas destinadas a conter a suba de prezos na factura de luz. Destaca a baixada do IVE do recibo da luz de 10% a 5%, que se aplica aos consumidores, empresas ou particulares, cunha potencia contratada de até 10 quilowatts, a aplicación do tipo impositivo de 0,5% do Imposto Especial sobre a Electricidade e a prórroga da suspensión temporal do Imposto sobre o valor da produción da enerxía eléctrica.

Aliás, no segundo paquete de medidas aprobado en xuño, o Goberno incluíu o incremento transitorio de 15% do Ingreso Mínimo Vital, a prohibición da suspensión da subministración de enerxía eléctrica, gas e auga, unha axuda directa de 200 euros para asalariados, autónomos e desempregados rexistrados nas oficinas de emprego que residan en fogares cunha renda inferior aos 14.000 euros e a conxelación do prezo máximo da bombona de butano até final de ano en 19,55 euros.

Comentarios