23-X

O BNG recorre o plan de cobertura da CRTVG para o 23-X : “Non garante o pluralismo político”

Denuncia que só prevé un único debate e entrevista nas eleccións estatais nun horario que  “non ve nin Deus”

Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela). (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou recurso ante e Xunta Electoral Provincial da Coruña contra o plan de cobertura informativa da CRTVG para as eleccións estatais do 23 de xullo por considerar que “non cumpre o seu deber de garantir a pluralidade política e social”, nin contribúe á “formación dunha opinión pública informada”, cuestión que, para a formación nacionalista, debería ser respectada sempre, pero máxime en período electoral.

Para o Bloque é incomprensíbel que os medios públicos só teñan previsto un único debate na televisión pública e que, unha vez máis, a dirección da CRTVG que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo, “se empeñe en emitilo nun horario con apenas audiencia, como se tivese por obxectivo minimizar o alcance dese único debate”.

De feito, o horario de mínima audiencia elixido pola dirección da compañía pública contrasta con outras televisións públicas e privadas do Estado, que emiten os debates electorais en horarios de máxima audiencia.

A modo de exemplo, a formación sinalou que nas eleccións xerais de 2019, o debate da TVG emitido ás 10 horas tivo unha audiencia de 13.000 espectadores, mentres que os emitidos polas canles públicas de Euskal Herria e Catalunya foron seguidos por 316.000 e 600.000 espectadores, respectivamente.

Por contra, a dirección da televisión pública da Galiza “empéñase en emitir o debate nun horario que non ve nin Deus”, como denunciou en sede Parlamentaria a deputada e viceportavoz do grupo nacionalista Olalla Rodil.

Cambio de horario

Así, o BNG solicita que o debate sexa en horario de máxima audiencia e que se organice un por cada circunscrición entre os e as candidatas provinciais, tanto televisivos como radiofónicos.

Rodil sinalou que o plan de cobertura da CRTVG reserva para o BNG, con 120.456 votos, 23 segundos de información electoral, “a todas luces insuficiente para garantir a pluralidade” e para permitir que os galegos e galegas poidan formarse unha valoración das propostas que presenta a formación política que lidera Ana Pontón.

No seu recurso ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña, o BNG solicita a realización de entrevistas aos candidatos e candidatas das formacións políticas con ámbito de implantación na Galiza na TVG en horarios e formatos da maior audiencia; entrevistas e debates entre os candidatos e candidatas das catro circunscricións tamén na Radio galega e que os debates electorais se emitan en horario de máxima audiencia.

 

Comentarios