A CRTVG destinou 500.000 euros a pagar multas por condenas laborais

BNG e PSdeG criticaron a externalización de servizos informativos en directo e as “nulas” actuacións en I+D+i.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, esta quinta feira no Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, esta quinta feira no Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta quinta feira, por petición propia, na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación Radio e Televisión da Galiza. no Parlamento galego, para presentar as contas anuais da corporación correspondentes ao exercicio 2022 en relación co sistema de gobernanza e rendición de contas.

A CRTVG obtivo en 2022 un resultado orzamentario en posición de superávit de 3,1 millóns de euros, segundo as contas anuais presentadas por Sánchez Izquierdo, que incidiu en que a actual dirección saneou máis de 80% da débeda herdada en 2009, de 51 millóns de euros, e liquidou a débeda bancaria.

Unha intervención que a oposición coincidiu en riscar a intervención de "falta de respecto" ao Parlamento e aos propios galegos. A socialista Noa Díaz afeou que se remitiran á Cámara a cuarta feira, unha día antes do decorrer da comisión, unhas contas que foron aprobadas o 9 de maio (máis dun mes antes). "Isto impídenos facer o noso traballo", asegurou, engadindo que o director se toma a sesión de control "a chirigota".

Noa Díaz, pola súa parte, considerou “inasumíbel” que a CRTVG teña que destinar medio millón de euros ao pagamento de "conflitos laborais perdidos" o ano pasado, mentres "gasta 1,2 millóns de euros nun servizo externo de produción e transmisión de directos". Sinalou que o propio Consello de Contas ten aberta unha investigación sobre este contrato, que “non é máis que un intento máis por privatizar” o servizo de informativos.

Ademais, Díaz afeou a externalización de servizos informativos en directo, "un intento de privatizar o servizo", algo que segundo asegurou, prohibe a lei.

O BNG tamén criticou este último punto e sinalou que as contas se enmarcan no “contexto de recortes" implantado polo PP, ademais de censurar as nulas actuacións en I+D+i e de que "saquen peito ante o investimento máis baixo de España por espectador" mentres "desmantelan as conexións territoriais".

Doutra banda, a deputada nacionalista Alexandra Fernández considerou unha "tomadura de pelo", coa "actual situación de conflito laboral, dunha magnitude nunca vista", que vive a corporación, que no informe se fale de medidas para fomentar o benestar laboral.

Pola súa parte, desde o Partido Popular defenderon a xestión da actual directiva, “responsábel" e "co maior impacto e que menos custa á cidadanía".

Ante isto, Izquierdo afirmou que as contas da corporación son "excelentes" e que, "aínda que soe un pouco soberbio", "hai que estar moi satisfeitos". Indicou ademais que a opinión dos galegos e das galegas sobre a CRTVG é "maioritariamente boa". "Non lea titulares nesgados sobre conflitos concretos", cominou á socialista.

A dirección, imputada

Unha das preguntas da comisión virou ao redor deste último aspecto. Os nacionalistas formularon unha cuestión sobre a investigación xudicial aberta contra unha parte da dirección da CRTVG.

O BNG instou o director, ao que ve "esgotado", a dimitir ante a súa falta de talante para o diálogo. "A situación é de descontrol. Estamos ante unha escalada de conflito de non retorno. A única situación que queda é dimitir", afirmou.

Izquierdo aseverou que ao BNG "só lle importan algúns traballadores, non todos os da CRTVG" e afeou os "xuízos paralelos, sen respecto pola presunción de inocencia e outros parámetros legais". "Estamos a falar de preitos, non de sentenzas", puntualizou, indicando que en 2022, dos 127 xuízos, case 70% resolvéronse a favor da corporación.

Comentarios