Debate de Estado de Política xeral

Néstor Rego lamenta a "ausencia de compromisos coa Galiza" no discurso de Pedro Sánchez

A formación nacionalista introducirá na intervención da cuarta feira a "axenda galega e a axenda social", reclamando a tarifa eléctrica galega e as transferencias pendentes.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou que "unha vez máis a Galiza está ausente das prioridades e preocupacións do Goberno español", en relación ao discurso do presidente español, Pedro Sánchez, durante a primeira xornada do debate de Estado de Política xeral. Un discurso no que "fixo referencias a Catalunya, Valencia, Madrid, Estremadura... pero non á Galiza".

"O BNG seguirá a reclamar que o Goberno español cumpra os compromisos co noso país e cumpra o estabelecido no acordo de investidura", afirmou Rego, para despois detallar que "especialmente en investimentos en infraestruturas e servizos" ferroviarios en concreto e de transporte en xeral.

O deputado nacionalista galego fixo referencia ao déficit histórico coa Galiza, "comezando pola falta de execución dos orzamentos, como o de 2021", do que denunciou que só se chegou a executar "67%". "Isto afecta a medidas que hoxe mesmo se propuxeron, como a bonificación de 100% de transporte ferroviario de proximidade, da que 0 persoas vanse beneficiar na Galiza porque non existe ese servizo", engadiu.

Por outra parte, Rego destacou o carácter positivo dalgunhas das medidas anunciadas por Sánchez, mais lembrou que o propio BNG xa demandou en varias ocasións un imposto ás grandes empresas enerxéticas e financeiras. Ademais, subliñou as ambigüidades das medidas, como "cal vai ser a aplicación deses impostos?" ou "que entende o Goberno español por beneficios extraordinarios das grandes empresas?".

O representante do BNG concluíu afirmando que "volvemos á mesma situación, adoptamos medidas conxunturais e temporais cando se deberían adoptar estruturais e permanentes". "Estaremos atentos a como evolucionan as medidas anunciadas", sentenciou.

Tarifa eléctrica galega e transferencias

O deputado do BNG, Néstor Rego, adiantou esta terza feira na rolda de prensa previa ao debate de Estado  de Política xeral que a formación nacionalista reclamará novamente que se executen as transferencias pendentes á Galiza.

Ademais, demandará o "rescate" da AP-9, solucións para a volta á normalidade da A-6 e a creación da tarifa eléctrica galega, co obxectivo de regular e reducir o prezo da luz no país.

Ante os medios de comunicación, Rego precisou que centrará a súa intervención nesta cita parlamentaria en introducir a "axenda galega e a axenda social".

Neste sentido, o deputado galego sinalou que tamén volverá pedir explicacións ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, pola execución orzamentaria na Galiza, e pedirá que "se cumpran os compromisos" que adquiriu o Executivo estatal co BNG para que este apoiase a investidura de Sánchez.

Comentarios