Debate de Estado de Política xeral

Pedro Sánchez anuncia un imposto "excepcional" sobre os beneficios da banca

O presidente do Goberno español participa no primeiro debate de Estado de Política xeral desde que ocupa o cargo.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, durante o debate desta terza feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, durante o debate desta terza feira. (Foto: Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comparece hoxe ante os deputados e deputadas do Congreso, durante o debate do Estado de Política xeral, para analizar a situación global do Estado español e detallar as novas medidas que o Executivo ten pensado aplicar para intentar superar a crise derivada da inflación.

É o primeiro debate do Estado de Política xeral no que Sánchez participa como presidente do Goberno español, xa que a última vez que decorreu unha sesión destas características tivo lugar en 2015, con Mariano Raxoi como presidente.

O presidente socialista anunciou que o Estado español bonificará os abonos de tren de proximidade, radiais e media distancia de Renfe. A medida entrará en vigor o 1 de setembro, e permanecerá, como mínimo até que remate 2022. O Executivo xa bonificaba o primeiro viaxe dos bonos, 50% total do prezo, pero mentres esta medida estea vixente a bonificación será total, de 100%.

Sánchez tamén detallou que o Executivo estabelecerá un imposto sobre os beneficios das grandes empresas enerxéticas, co que "se recadarán 2.000 millóns de euros", segundo as estimacións do Goberno español; e outro imposto, de carácter excepcional, ás entidades financeiras que "están comezando a beneficiarse da suba dos tipos" de xuro, e co que agarda recadar outros 1.500 millóns de euros. O segundo imposto terá unha duración de dous anos, polo que a recadación final ascenderá até os 3.000 millóns de euros.

Por outra parte, o Executivo estatal executará unha partida de 2.134 millóns de euros adicionais para becas, destinados a un millón de estudantes españois. Ademais, aquelas e aqueles estudantes maiores de 16 anos que xa conten con unha axuda recibirán tamén 100 euros mensuais a maiores. 

En materia enerxética, o presidente do Goberno español sinalou a posibilidade de que sexa necesario regular o consumo de aire acondicionado ou a calefacción nos vindeiros meses para fornecer o aforro de enerxía. Ademais, pediu un esforzo colectivo con medidas como "incrementar o teletraballo" e "fomentar o transporte público", entre outras.

Reacción de Unidas Podemos

Despois de que Sánchez anunciase estas medidas, a primeira en reacciónar nas súas redes foi a secretaria xeral de Unidas Podemos e ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra.

Neste sentido, Belarra mostrou a súa aprobación ás medidas expostas polo xefe do Executivo estatal e asegurou que "hoxe comeza a concretarse o cambio de rumbo do Goberno: recuperar o ritmo de avances sociais e acabar cos privilexios das grandes empresas para estar á altura da xente".

Comentarios