O BNG considera que o imposto ás eléctricas "chegará tarde"

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que tanto a baixada do IVE da electricidade a 5% como o imposto aos beneficios das enerxéticas “deberían aplicarse hai tempo” e lamenta que o gravame ás grandes compañías eléctricas “non se aplique até 2023”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

Após coñecerse o alcance das medidas anunciadas polo presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, após o Consello Ministerial extraordinario, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, valorou de maneira positiva algún dos anuncios, así como a prórroga de medidas que figuraban no real decreto lei anterior.

Nun comunicado enviado aos medios, o nacionalista, porén, advirte que se trata de medidas “insuficientes” para controlar a escalada de prezos e para protexer as clases populares que sofren as consecuencias.

De feito, empraza o Executivo a estabelecer un tope ao prezo da luz e dos carburantes no mercado final, así como unha modificación profunda na regulación do sistema eléctrico que elimine o mercado marxinalista. Propón, máis unha vez, a “excepción galega”, en alusión a unha tarifa eléctrica para a Galiza, “dado que somos produtores excedentarios de enerxía eléctrica”.

Rego lembrou que o BNG “leva dous anos” reclamando a redución do IVE da electricidade ao tipo súper reducido de 4%, por ser esta un ben esencial, de forma permanente e que esta baixada se compense cun “imposto ás grandes empresas, particularmente ás enerxéticas e de forma especial a aquelas que fan negocio con bens públicos como as eléctricas”.

Neste contexto, valora como “un paso positivo” o anuncio dun imposto aos beneficios extraordinarios das enerxéticas, mais considera que “chegará tarde”, pois non entrará en vigor, como o propio Sánchez advertiu, até entrado 2023.

"Ao Goberno faltoulle decisión para meter man aos lucros indecentes das enerxéticas, de feito deu marcha atrás no decreto que aprobara a mediados de 2021. É evidente que se anuncia agora este imposto é pola presión social e política, mais, lamentabelmente, non o aplicará até 2023, mentres as eléctricas continúan forrándose", afirma o nacionalista.

As tres grandes eléctricas gañaron 6.500 millóns en 2021

A este respecto, Rego lembra que en 2021, e malia a crise, as tres grandes eléctricas obtiveron uns beneficios de 6.500 millóns de euros e as cinco principais enerxéticas do Ibex 35 uns lucros que superaron os 10.000 millóns.

Tamén ve insuficientes as medidas de protección social. Di non entender por que é posíbel estabelecer un prezo máximo ás bombonas de butano e non facer o propio coa electricidade ou co litro de combustíbel nas gasolineiras.

En relación co anuncio de incremento en 15% até final de ano das pensións non contributivas, e propón facelo permanente, ademais de aumentar as pensións mínimas, dada a perda do poder adquisitivo. “Esta era unha medida comprometida polos partidos que conforman o goberno: subir todas as pensións mínimas até igualalas co salario mínimo interprofesional e levar ambos até 60% do salario medio, como estabelece a Carta Social Europea que o Estado español ten recentemente ratificado”, acrecenta Rego.

Sobre a subvención do 50% dos bonos de transportes terrestres, a xuízo do portavoz do BNG no Congreso, “para ser realmente eficaz, debe ir acompañada da mellora dos servizos ferroviarios como a recuperación de frecuencias perdidas durante a pandemia, a implantación doutras novas, a creación das proximidades ferroviarias nas áreas metropolitanas ou a adecuación dos horarios”.

Comentarios