Sanidade pública

BNG e PSdeG urxen "solucións" a Rueda ante o "permanente colapso" dos servizos de Urxencias

A formación nacionalista pide a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento para que explique "que medidas tomou ou vai tomar" o Goberno galego ante o "gravísimo colapso sanitario" que se vive en Primaria e Urxencias.
Pacientes amoreados nos corredores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
photo_camera Pacientes amoreados nos corredores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)

O BNG exixiu esta quinta feira unha xuntanza da deputación permanente da Cámara galega para acordar a comparecencia do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, co obxectivo de que explique "que medidas tomou ou vai tomar" o Goberno galego ante o "gravísimo colapso sanitario" que se vive en Primaria e Urxencias, nunha tempada especialmente sensíbel aos contaxios de gripe. "Cremos necesaria esa comparecencia para que o presidente explique que están a facer ante esta situación de auténtica saturación", dixo a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que lembrou que "o pico de gripe aínda está por chegar" e a situación é xa "insostíbel".

Para a deputada nacionalista, a "fotografía" da situación sanitaria na Galiza "é moi preocupante", con "listas de espera de semanas en centros de saúde", puntos de atención continuada (PAC) "sen equipos necesarios para atender a demanda" e "esperas de até tres e catro horas". Como exemplo, Prado mencionou o ambulatorio de Cangas, "permanentemente saturado"; o de Moaña, "sen servizo de Urxencias"; o de Tomiño, onde están activos "dous médicos no canto de oito", ou o de Marín, "con demoras de até 22 días para algúns dos facultativos".

A isto engádese "a situación do servizo de ambulancias do 061" que é "insuficiente". "Durante este aumento das asistencias por procesos respiratorios, están a chegar tarde continuamente", apuntou Prado. Con esta situación, engadiu, "cando a xente necesita atención e non pode acceder a un médico de cabeceira, vai aos servizos de Urxencias, que están completamente saturados".

"Na Xunta non queren falar de colapso, pero a ver se lles vale 'saturados' ou 'ao límite'", indicou Prado, que denunciou que centros como o CHUAC teñen "permanentemente persoas asistidas nos corredores" e un número de asistencias "insostíbel". Detrás desta "radiografía", dixo, hai "profesionais ao límite" e "unha poboación desatendida", algo que deriva, na súa opinión, "de ter un sistema sanitario constantemente en mínimos". "O aumento de enfermidades respiratorias é previsíbel, sábese que vai chegar, e hai que anticiparse a esta situación", finalizou.

As Urxencias do HULA, tamén saturadas: "Hai pacientes que esperan até 24 horas nos corredores"

Ademais de a nivel nacional, o BNG, a través da súa deputada Carme Aira, denunciou de forma particular "a situación de saturación" que viven as Urxencias do HULA lugués, onde "hai pacientes que están a esperar 24 horas nos corredores de Urxencias". "É esencial blindar a sanidade, rescatar o sistema público de saúde da Galiza despois de 14 anos de recortes do Partido Popular", dixo a deputada, que vinculou "a sobresaturación dos servizos de urxencias coa situación precaria da atención primaria e da rede de Puntos de Atención Continuada".

"Moita xente non ten acceso a unha atención médica no seu centro de saúde do seu concello, precisamente pola habitual falta de persoal, o que fai que as persoas teñan que asistir ás Urxencias hospitalarias para ser atendidas", precisou.

Tamén a CIG Saúde denunciou a situación en Urxencias do HULA, asegurando que a pasada quenda de noite quedaron nove enfermos pendentes de ingreso e sete pendentes de pasar a observación. "Non se entende que, estando supostamente no pico de gripe, o hospital siga mirando para outro lado, e permita o colapso que está a sufrir este servizo desde hai meses", criticaron desde o sindicato.

Críticas do PSdeG

Desde o PSdeG-PSOE ergueron igualmente a voz contra o colapso do sistema sanitario. O secretario xeral dos socialistas de Santiago, Aitor Bouza, denunciou hoxe a situación de "caos" que se vive nas Urxencias hospitalarias da cidade, e instou o presidente Rueda a pór "unha solución". Nunha rolda de prensa decorrida na sede do PSOE local, Bouza atribuíu a saturación das Urxencias hospitalarias, que coinciden co pico dos virus respiratorios, á deterioración da atención primaria.

"Chegamos a este caos porque cando pedimos cita ao noso médico de cabeceira non temos a posibilidade de acceder porque non hai profesionais que nos atenda e, ao final, o caos da Primaria trasládase ás Urxencias", dixo.

Fronte a este "modelo do PP", Aitor Bouza defendeu un "cambio" na Xunta o próximo 18 de febreiro para "acabar coas políticas" este tipo de políticas e pór solucións que atallen o problema da sanidade pública galega. Ademais, preguntouse polo que ten que dicir o PP de Santiago ante o que cualificou de "auténtico caos" nun servizo "básico" para a cidadanía.

Comentarios