BNG e PSdeG ven "trato de favor" a Monbus e a Alsa

Rueda non dá explicacións a respecto da sentenza do TSXG.
A empresa Monbus controla 80% do mercado de transporte público por estrada. (Foto: Nicolás Vieites)
photo_camera A empresa Monbus controla 80% do mercado de transporte público por estrada. (Foto: Nicolás Vieites)

Despois de coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ordenou á Comisión Galega da Competencia incoar un expediente sancionador contra Monbus e Alsa "por indicios de repartirse o mercado", o BNG acusou a Xunta da Galiza de dar un "trato de favor" a estas empresas. Ademais, o PSdeG exixiu a renovación do órgano de Competencia ao considerar que existe "parcialidade".

Nunha rolda de prensa ofrecida esta cuarta feira no Parlamento da Galiza, o deputado nacionalista Paulo Ríos destacou que o BNG leva "anos" denunciando as "irregularidades, os incumprimentos e a connivencia" do Goberno galego con estas empresas. "Vemos como unha vez máis é a Xustiza a que ten que dar a razón ao BNG ao existir indicios racionais destas irregularidades", afirmou Ríos.

Após recordar as denuncias presentadas pola CIG nas que a central sindical alertaba dos comportamentos contrarios á libre competencia e avisaba tamén dos incumprimentos reiterados nos contratos adxudicados á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Alsa e Monbus, o deputado nacionalista considerou que non se poden dar por boas as declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, "botando balóns fóra e negando as súas responsabilidades". 

"Tanto os sindicatos, como o sector e agora o TSXG ven indicios claros de irregularidades, un acordo explícito entre Alsa e Monbus para repartirse os lotes e non compartir entre eles. Todo o mundo ve indicios, os únicos que non os ven son a Xunta, o PP e as propias empresas", sostivo Paulo Ríos. 

Por todo isto, acusou a Xunta da Galiza e o Partido Popular de "traballar para as súas empresas amigas" nun contexto no que Monbus "ten 80% do mercado do transporte público". Ríos engadiu que, para a súa formación, a sentenza do TSXG "non é máis que a punta do iceberg" dunha "trama" entre "o PP, a Xunta e as grandes empresas concesionarias para repartir o mercado e para cubrir todas as irregularidades que ocorren diariamente no servizo de transporte público". 

Renovacións en Competencia

Sobre este asunto tamén se pronunciou a portavoz de Xustiza do PSdeG na Cámara galega, Paloma Castro, que exixiu a renovación da Comisión Galega da Competencia por considerar que quedou "acreditada" na sentenza do TSXG a súa "parcialidade" e o seu "facer contra a Lei de defensa da competencia". 

A deputada socialista expuxo que Competencia "non está agora capacitada para instruír" o expediente sancionador ordenado polo TSXG. "Non se pode pór o raposo a coidar das galiñas", considerou Castro.

Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG, José Manuel Laxe, apuntou que o presidente da Xunta da Galiza e os responsábeis do Goberno galego "están tardando en dar explicacións porque hai unha actuación neglixente".  

A este respecto, preguntado pola prensa, o presidente, Alfonso Rueda afirmou que "o TSXG non se refire ao proceso de concesión que fai a Xunta, senón a decisións individuais entre empresas que eu non entro a valorar". En calquera caso, engadiu que a "Xunta non pode entrar na apertura ou non de expedientes", xa que "son decisións dun órgano independente". "E pouco máis que dicir", concluíu.

Comentarios