O BNG propón unha oficina de loita contra a corrupción independente do poder político

Luís Bará lamentou que os casos de fraude na contratación pública causan "un grave dano ao sistema democrático" e provocan tamén "descrédito das institucións" e "desafección por parte da cidadanía", o que, ao seu xuízo, "é caldo de cultivo para opcións alternativas demagóxicas e populistas".
O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, esta segunda feira 30 de xuño en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, esta segunda feira 30 de xuño en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O BNG avanzou que presentará unha proposición non de lei para crear unha oficina antifraudes e de loita contra a corrupción independente do poder político que teña como obxectivo "garantir a integridade, a honestidade, a imparcialidade e a transparencia das institucións públicas".

Tal e como detallou o viceportavoz parlamentario Luís Bará, o organismo tería tres funcións principais: prevención e investigación de posíbeis casos de corrupción ou de destino fraudulento de fondos públicos, prevención de conflitos de interese e mecanismos de protección da persoa informante.

En rolda de prensa esta segunda feira, Bará recoñeceu que os últimos presuntos casos de corrupción que salpican o PSOE provocan "noxo, rabia e repulsa", polo que o BNG demanda "a máxima exixencia e transparencia de información".

En todo caso, apuntou que "chove sobre mollado" e que existe unha "corrupción sistémica" que, na súa opinión, "afecta os grandes partidos do bipartidismo" e da que "Galiza non está á marxe".

Ademais, lamentou que os casos de fraude na contratación pública causan "un grave dano ao sistema democrático" e provocan tamén "descrédito das institucións" e "desafección por parte da cidadanía", o que, ao seu xuízo, "é caldo de cultivo para opcións alternativas demagóxicas e populistas".

Nesta liña, lembrou que hai prácticas "fraudulentas" que son coñecidas como os "amaños" en contratos de obra pública que xa foron probados pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).

No contexto galego, apuntou o representante nacionalista, dáse "un fenómeno específico" como é "o alto número de contratos cun único ofertante", que "pode facer pensar que hai acordos previos entre as empresas".

Por todo iso, para facer fronte a este tipo de problemática, a formación nacionalista proporá esta oficina de loita contra a corrupción que, segundo explicou o deputado do BNG, xa existe en comunidades como Catalunya.

Comentarios