Pontón reivindica os “gobernos honrados” do BNG nos concellos fronte á “corrupción” do “bipartidismo e monarquía”

“Unha gran parte da sociedade galega está mirando cara ao BNG con esperanza”, alega no Encontro Nacional Municipal que este sábado decorreu en Compostela.

20250621_Concellos_BNG-10
Encontro do BNG deste sábado. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado “os gobernos honrados” do BNG nos concellos fronte ao “descrédito dun bipartidismo no que aflora a corrupción” e apostou por redobrar esforzos a nivel local para avanzar no proxecto municipal do nacionalismo co horizonte posto nas eleccións de 2027.

No Encontro Nacional Municipal que reuniu en Compostela alcaldes e alcaldesas, concelleiras e concelleiros, e responsábeis políticos dos concellos, Pontón remarcou a clara diferenza do BNG en relación a outras formacións políticas.    

“Nós non somos como as demais forzas, non somos como ese bipartidismo español que se di estrutural e baluartes do sistema; nin somos, nin queremos ser como eles”, subliñou, para recordar a continuación que nos seus máis de 40 anos de historia o Bloque non tivo ningún caso de corrupción.

“Somos diferentes, si, e ademais de moitos outros feitos diferenciais, o BNG non participou nunca nin participa agora das prácticas golfas e corruptas tan características do PP, do PSOE e da monarquía”, alegou para incidir en que así o demostran os feitos. “Máis de 40 anos xestionando institucións pública deste país e non hai nin unha soa persoa do BNG condenada por corrupción; somos diferentes e a moita honra”, sintetizou. 

A líder nacionalista referiuse aos “lamentábeis episodios” que se están a vivir na política estatal e nos que aflora a “indecente corrupción” que, neste caso, perpetran supostamente cargos públicos do PSOE, pero que antes xa protagonizaron tamén “o Partido Popular ou a monarquía”.

Neste contexto, puxo en valor “o traballo honrado e desinteresado” das e dos alcaldes e alcaldesas e concelleiras e concelleiros da formación nacionalista, aos que agradeceu o seu compromiso e entrega á hora de mellorar a vida das súas conveciñas e conveciños, pese ás dificultades que, ás veces, isto implica tanto no goberno como na oposición.

Un labor que desenvolven “dende o amor por Galiza e sen renderse” ante muros que parecen imposibles de derrubar xa que “renderse non forma parte do ADN do BNG”, tal e como exemplificou na defensa, tamén dende o local, da lingua ou da protección do territorio e do medio ambiente pelexando contra a instalación da macrocelulosa de Altri, unha batalla que dixo se vai gañar “polo ben e polo futuro do país”.  

“Temos unha base sólida para poder construír o futuro, unha base que nos fai ser optimistas sobre as nosas posibilidades de avanzar nos concellos, de dentro de dous anos, ter máis concelleiros e concelleiras, ter máis gobernos municipais e ter máis alcaldes e alcadesas”, apuntou ante o reto de “dar un gran salto adiante” nas próximas eleccións locais de 2027.

“Temos dous anos de traballo por diante para, aplicando as medidas necesarias en cada caso, que permitan aos nosos veciños e veciñas ter a opción real de contar con gobernos BNG, que é o mesmo que ter gobernos honrados, eficaces, avanzados e a medida das necesidades dos nosos concellos e da nosa nación”, afondou. “Hoxe, unha gran parte da sociedade galega está mirando para o BNG con esperanza e con altas expectativas, non a podemos defraudar”, resumiu.

Discriminación histórica no financiamento dos concellos

Pontón tamén avanzou que o Bloque seguirá a denunciar a “discriminación histórica” que sofren os municipios galegos e que exemplificou no feito de que, mentres que ao concello de Madrid, o Estado lle transfire máis de 700 euros, a media dos concellos galegos limítase a 200 euros.

“Esta debe ser a famosa solidariedade madrileña da que tanto nos falan e por iso se poñen tan nerviosos cando demandamos ter a chave dos nosos cartos e poñer fin a un centralismo que é letal para Galiza e para os nosos concellos”, denunciou.

A portavoz nacional rematou a súa intervención facendo un recoñecemento expreso a todos os cargos municipais do BNG e, singularmente, ás mulleres que deron un paso adiante para integrarse en listas electorais, ser concelleiras ou cabezas de lista e, neste sentido, apostou por incorporar máis mulleres nas listas, con máis candidaturas encabezadas por mulleres, e dar máis forza se cabe ás políticas de igualdade nos concellos. “Porque o futuro escribirase coa M de muller e coa I de Igualdade, porque o futuro será feminista ou non será”, concluíu.

Comentarios