O BNG propón para Galiza un concerto económico “similar ao de Euskadi ou Navarra”

Os nacionalistas queren un modelo “que nos autorresponsabilice e dea capacidade plena para usar os nosos recursos” e din que co modelo de financiamento asinado por Feijóo o noso país “perdeu 9.000 millóns de euros”.

Ana Pontón. 15-11-2016
photo_camera Ana Pontón

O actual modelo de financiamento autonómico é inxusto con Galiza, denuncia o BNG. “É un mal negocio para o nosos país”, afirmou Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque. Na última liquidación tributaria, de 2014, o estado recadou na Galiza 11.125 millóns de euros e “só recibimos 7.000 millóns”. Hai unha diferenza de 4.000 millóns que, afirma, é superávit para o estado español. Co sistema de financiamento “asinado por Núñez Feijóo” Galiza perde 9.000 millóns de euros, sostén Ana Pontón. Un modelo que mantén o “centralismo”. É o Estado  quen decide que impostos hai, quen recada e como os distribúe, algo que non fai “dunha maneira xusta e solidaria”.

Fronte a ese escenario, o BNG aposta nun modelo que “nos autorresponsabilice e nos dea capacidade plena para usar os nosos recursos”. Algo que é posíbel “cun modelo similar ao de Euskadi e Navarra”. O modelo de Concerto económico permitiría, explicou Pontón, a Galiza crear emprego e blindar os servizos públicos. O modelo que o Bloque vai levar a debate no Parlamento parte de reivindicar “un sistema de financiamento propio adaptado a nosa realidade, porque  “non vale o café para todos”. Este paso implicará crear unha axencia tributaria, a transferencia de recursos ao Estado polos servizos prestados a Galiza “e un financiamento local que tamén dependa de nós e non do Estado como ocorre na actualidade”.

Cupo

O modelo de concerto económico inclúe “un cupo” co Estado. Así, “seriamos os galegos os que  decidiríamos a cantidade a pagar ao Estado polos servizos prestados e teríamos as mans libres para que non se apliquen recortes nos servizos públicos como aconteceu estes anos”.

Comentarios