O BNG propón un fondo de rescate hipotecario fronte á suba de xuros

Bará critica a "inactividade" do Executivo ante a crise.
Luís Bará apela a un "proceso participativo" para a finca de Lourizán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Nós Diario)

A creación dun fondo de rescate hipotecario, sufragado nun 75% pola banca, para axudar as 175.000 de galegas e galegos que contan cunha hipoteca e que agora teñen que facer fronte á nova suba de xuros acordada polo Banco  Central Europeo (BCE). Esa é a proposta que realizou o viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, como unha das medidas do nacionalismo ante a crise que afecta miles de fogares. 

Non foi a única proposta, Bará tamén anunciou que o BNG vai reclamar no Parlamento unha "modificación orzamentaria urxente" co obxectivo de recuperar a Tarxeta Básica “para as familias que peor o están a pasar”. Esta tarxeta, suprimida polo Goberno de Alfonso Rueda, permitía o acceso a produtos de primeira necesidade.

Bará acusou o Goberno galego de “abandonar á súa sorte” os miles de galegos e galegas que peor o están a pasar nun contexto de “grandes dificultades” marcado pola crise inflacionista, os prezos "disparados", a suba do cesto da compra, os alugueres encarecidos, o combustíbel "polas nubes" e, "agora", pola nova suba dos tipos de xuro imposta polo Banco Central Europeo.

“Temos un Goberno sen alma e sen corazón, desbordado, que actúa como un zombi e descabezado, un Goberno de suplentes despois do éxodo a Madrid das súas principais estrelas”, asegurou Bará a respecto do Executivo de Rueda. “Actúa como unha escopeta de feira que dispara para todos os lados”, advertiu sobre un Goberno que ve "totalmente submiso" aos intereses do PP español.

Reunión en Compostela

Por outra parte, o BNG anunciou esta segunda feira que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, realizará na quinta feira, 21 de setembro, unha visita institucional ao Concello de Santiago para tratar coa alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín, algunhas das cuestións que máis preocupan na cidade, como a situación da vivenda, a posíbel implantación dunha taxa turística ou o desenvolvemento do estatuto de capitalidade.

Comentarios