Sesión de control

BNG propón unha declaración institucional do Parlamento contra uns orzamentos do Estado que “agravian” Galiza

Feijóo non quixo entrar no debate orzamentario e acusou os nacionalistas de traer eses dbeates á Cámara galega "porque xa non teñen representación no Congreso”.

Parlamento de Galiza
photo_camera Parlamento de Galiza

Os orzamentos do Estado, que se coñeceron esta terza feira, coáronse na sesión de control ao presidente da Xuntas que decorreu esta cuarta feira, 5 de abril, no Parlamento de Galiza. Embora non figurar nas preguntas previstas de facer pola oposición a Feijóo, si que se fixeron referencias e cuestóns a unhas contas xerais doe estado moi criticadas poloas forzas da oposición.

O BNG propuxo unha declaración institucional do Parlamento de Galiza para “dicir alto e claro” a Mariano Rajoy “que non aceptamos os orzamentos do recortazo”. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, instou Núñez Feijóo a “se poñer do lado dos galegos” e “non aceptar” uns orzamentos que son “un agravio para este país”. A proposta do Bloque realizouse no marco do debate sobre a crise que atravesa o rural, cos nacionalistas criticando as políticas da Xunta por ineficaces e un Feijóo que chegou a afirmar: “Hoxe o rural ten máis futuro que cando eu cheguei á Xunta”.

Pontón criticou con dureza o recorte de fondos para Galiza, que ten efectos directos no rural. “Os orzamentos de Rajoy son os orzamentos do recortazo, 442 millóns de euros menos”. O presidente acusou o BNG de “usar o rural para falar do que lle importa” e dixo que non ía entrar nese debate mais non sen antes asegurar que co goberno socialista de Zapatero Galiza recibía menos.

“Zonas grises”

Luis Villares fixo referencia ás “zonas grises” da lei que Feijóo mencionou nunha entrevista para sinalar que todos os partidos as empregaron para se financiar. O portavoz de En Marea considera unha “irresponsabilidade” ese tipo de declaracións e situounas na “forma de facer política” do partido Popular, ao que achacou non ter verdadeira vontade de loita contra a corrupción. Como exemplo, a postura do PPdeG de non ver necesaria a creación dunha fiscalía especial contra a corrupción en Galiza cando “en 2016 se abriron 200 casos penais por corrupción” no noso país.

Feijóo, na súa quenda de réplica, xogou a carta de Venezuela, insinuando financiamento de Podemos, e referiuse ao acontecido nos últimos días no seo de En Marea, poñedno o dedo na chaga coas denuncias de sectores do partido instrumental de que a nova coordenadora e portavocía de Luis Villares era “ilexítima”.

Na súa pregunta, Fernández Leiceaga interpelou a Feijóo sobre o por que a Xunta non decidiu pedir 60 millóns de euros adicionais, “aos que tiña dereito polo teito de gasto”, e destinalos a facer fronte a gasto social. O portavoz do PSdeG lembrou que na actualidade hai miles de familias en Galiza que viven situacións difíciles e criticou que as políticas do PP afectaron negativamente os servizos sociais. O presidente da Xunta fixo un relatorio sobre as actuacións realizadas no eido social polo seu goberno e convidou os socialistas a colaborar para chegar este ano a “60.000 persoas dependentes atendidas”. 

Comentarios