18-F

O BNG promete bonos para o transporte, reducir o IVE de alimentos e medidas polo prezo do alugueiro

"O PP ten que deixarse de escusas, un candidato á Presidencia da Xunta non ten nada máis importante nunha campaña que facer que asistir aos debates aos que se lle convoca", incide a candidata do BNG, que volve retar Rueda a participar no 'cara a cara' ofrecido pola Cadena SER.
Ana Pontón, hoxe, no mercado coruñés de Elviña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, hoxe, no mercado coruñés de Elviña. (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, comprometeuse a impulsar un bono de 30 euros mensuais para utilizar no transporte público no país, a reducir o IVE de alimentos e "declarar zonas tensionadas" os concellos "de máis de 10.000 habitantes nos que o prezo do alugueiro subise 20% nos últimos cinco anos". Así o anunciou esta sexta feira nunha visita ao Mercado do Elviña da Coruña, onde abordou a crise de prezos e os problemas para acceder á vivenda.

Pontón explicou que o bono de 30 euros poderá utilizarse en "todo o transporte público que se move pola Galiza, tanto tren como autobuses e onde existe, tamén o transporte de ría". Avanzou, ademais, que aprobará "en colaboración con outras institucións, unha reformulación das tarifas de transporte público".

Respecto ao incremento dos prezos da vivenda, a líder nacionalista sinalou que "non se pode seguir subindo o prezo do fogar de forma desorbitada" e anunciou que declarará "zonas tensionadas todos aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes nos que o prezo do alugueiro subise 20% nos últimos cinco anos".

"Eu, como presidenta, declararei A Coruña como zona tensionada", afirmou, en resposta á petición da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rei, á Xunta. Na mesma liña, avanzou a posta en marcha dun "plan de mobilización de vivenda baleira" para que "nos próximos oito anos" poidan "adquirirse e construírse arredor de 10.000 vivendas".

IVE

Pontón insistiu en que nos últimos tempos "subiu todo" e para paliar o incremento da cesta da compra e doutros gastos citou, entre outras medidas que aprobará reducir o IVE dos alimentos, "facer permanente a redución do IVE de electricidade" e rebaixar a tarifa da luz "para compensarnos polos custos sociais e polos custos ambientais que ten a produción de electricidade no noso país".

Ademais, indicou que porá de novo en marcha "a gratuidade dos libros de texto" e recuperará a tarxeta básica para compra de alimentos e medicinas. Para facer realidade estas iniciativas, Pontón apelou a "unha mobilización masiva de todas as persoas que queren cambio e concentrar no BNG o voto de toda esa xente inconformista que quere construír un país maior". "O 18 de febreiro é o momento de deixar atrás esta Galiza que vai a menos do Partido Popular", apostilou.

Debates

Por outra parte, Pontón pediu unha vez máis ao PP que se "deixe de escusas" e "acuda aos debates aos que está convocado". "Non sei por que o Partido Popular segue escondendo o seu candidato. O PP ten que deixarse de escusas, un candidato á Presidencia da Xunta non ten nada máis importante nunha campaña que facer que asistir aos debates aos que se lle convoca", incidiu.

"Non entendo por que se esconde o señor Rueda", reiterou, para sinalar que deste modo "dá plantón aos galegos e galegas". "É unha falta de respecto á cidadanía que ten dereito a ese debate e a ese contraste", apuntou. Pontón lembrou, ademais, que existe unha oferta da Cadena SER para realizar un "cara a cara" con Rueda. "Imos estar nese debate", ratificou.

Comentarios