BNG presentará unha emenda á totalidade á lei de sucesión monárquica

No Congreso español, o soberanismo de esquerdas -BNG, EH Bildu, ERC- oponse a unha sucesión pactada polo bipartidismo que furta o dereito a decidir. IU quer forzar unha votación sobre a convocatoria dun referendo.

XUNTA PORTAVOCES 3 XUÑO 2014 016
photo_camera Rosana Pérez, nos corredores do Congreso

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, deixou claro ao remate da Xunta de Portavoces da Cámara a oposición do BNG ao procedemento elexido pola abdicación do Rei Juan Carlos, consistente nun proxecto de lei orgánica de leitura única que acotará o debate a unha única xornada plenaria.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a deputada nacionalista sinalou que “tanto as pasadas eleccións do 25 de maio como as mobilizacións de miles de cidadáns en moitas cidades do conxunto do estado e Galiza, deixaron de manifesto que a cidadanía non está disposta a participar nunha democracia formal consistente en votar cada catro anos”.

Rosana Pérez salientou que “decisións desta trascendencia deben contar co debate non só dos grupos parlamentares senón tamén da cidadanía” á vez que incidiu en que “o BNG aposta por un proceso constituínte no que se contemple a plurinacionalidade do estado e se recoñeza o dereito a decidir das tres nacións (Galiza, Catalunya e Euskal Herría)".

Amaiur non votará

O deputado de Amaiur Jon Iñarritu anunciou que a coligación da esquerda abertzale participará no debate da lei orgánica mais non na votación e mesmo apuntou a que o día da coroación de Felipe VI non acudan ás Cortes. “Non ten pinta”, afirmou Iñarritu que argumentou que eles e elas non se sentían españois.

Esquerra: o camiño da independencia, sen retorno

En Catalunya boa parte dos medios interpretan a abdicación de Juan Carlos como parte dunha manobra máis ampla dirixida a ‘desactivar’ o proceso soberanista. ERC vai, como o resto da esquerda soberanista, dicir non á lei de sucesión. Consideran que que España sexa unha república ou unha monarquía é algo que deben decidir os españois, mentres que os cataláns teñen a cita o 9N, na sñua consulta pola independencia.

IU quere forzar unha votación sobre o referendo

O grupo parlamentar de IU desvelou esta terza feira que vai aproveitar as sús enmendas á lei de abdicación para forzar unha votación sobre a convocatoria dun referendo que permite á cidadanía decidir se queren república ou monarquía

José Luis Centella, deputado de IU e secretario xeral do PCE, sostén que esa consulta é “legal, constitucional e posíbel” e considera que hai motivos de abondo para “dar a palabra aos cidadáns”.

Comentarios