O BNG pide a De Guindos unha revisión da venda de NCG

A fronte nacionalista opúxose no Congreso ao o proxecto de Lei de Caixas de Aforros e Fundacións bancarias por centralizadora e prexudicial para a maioría social.

Ninguén, tirando o PP, está de acordo coa Lei de Caixas de Aforros e Fundacións bancarias, un proxecto a debate no Congreso e que consegue a unanimidade da oposición en rexeitalo. “É un proxecto de lei que aspira a que sexa definitivo o mapa resultante da reestruturación financeira, coa desaparición e integración en grandes bancos privados de múltiples Caixas de Aforros, sen posibilidade de retorno”, afirmou Olaia Davila, deputada do BNG na Cámara baixa española.

Fernández Davila lembrou que o Bloque desde o inicio do proceso rexeitou sempre a reestruturación financeira, “xa que os seus obxectivos son só a bancarización das Caixas e a centralización das competencias sobre o sector financeiro, que sitúan ás Caixas na órbita do Estado”.

NCG, sistémica para Galiza

A parlamentar do BNG reprochou ao Ministro de Economía que empreguen dúas varas de medir “en función dun interese centralista, xa que por un lado se salvan entidades sistémicas a nivel estatal e se lles permite manter a súa estrutura e remontar o voo en solitario”.

Davila pediu unha revisión a fondo do proceso en marcha para a venda de NCG, “avalíen o seu futuro como entidade propia de Galiza, vital para o desenvolvemento dos seus sectores produtivos básicos, como se puxo de manifesto cos estaleiros, e como unha única garantía para asegurar a vinculación a Galiza dun instrumento financeiro propio”.


 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios