sábado 27/11/21

O BNG pide excluir as actividades pesqueiras sostíbeis das restricións do polémico artigo 18 da lei de cambio climático

Néstor Rego (BNG) traslada a PSOE, PP e Podemos unha proposta transaccional do polémico artigo 18 da lei de cambio climático para exceptuar as actividades vinculadas ao complexo mar-industria, de carácter sustentábel, das limitacións da nova lei.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

Ante o próximo debate no Congreso da lei de cambio climático, o BNG avanzou unha emenda coa que procura resolver o problema xerado polo polémico artigo 18 da lei, que á súa vez realiza unha modificación do previsto na lei de costas, reafirma o límite de 75 anos para as concesións en dominio público marítimo-terrestre e fai nulos os actos administrativos que prorroguen este prazo máximo. 

O Bloque considera que ese artigo “ameaza a continuidade e o futuro de centos de actividades vinculadas ao complexo mar-industria alimentaria na Galiza”, polo que insta a blindar “a continuidade de toda unha serie de actividades no litoral galego, en xeral sustentábeis e respectuosas co medio, que xeran millares de postos de traballo" e están "vinculadas ao sector pesqueiro e marisqueiro”.

Logo de que o Congreso rexeitara a solicitude dos nacionalistas de suprimir o artigo 18, o deputado do Bloque, Néstor Rego, anunciou esta cuarta feira, 17 de marzo, que presentará unha transacción para que se exceptúe dos límites que pon o artigo 18 o desenvolvemento de actividades de acuicultura, depuración de marisco e conserveiras “e calquera outra relacionada co sector mar-industria que teña carácter sustentábel”.

Polémica con Ence

Rego acrecentou que a súa emenda deixa claro que non se trata de defender a permanencia no dominio público de “actividades que non teñen razón de ser no espazo litoral, como é o caso de Ence" na ría de Pontevedra.

A semana pasada o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, anunciou tamén a presentación dunha emenda ao artigo 18, ante a perda que provocaría de "10.000 millóns de euros na Galiza e de milleiros de empregos". Porén, o PP buscaría blindar na lei non só a industria alimentaria, senón tamén outras de alto impacto ambiental como Ence. “A lei encaixa perigosamente co discurso anti-Ence do Bloque" alertou de facto Tellado. 

A Xunta avisa de inconstitucionalidade

Aliás, este 17 de marzo o Goberno galego enviou ao estatal o informe elaborado pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, que conclúe que o artigo 18.4 da lei é “inconstitucional” xa que afectaría aos dereitos integrados dos afectados, pois as industrias que se atopan no dominio público martítimo-terrestre veríanse privadas anticipadamente dunha concesión adquirida sen a correspondente indemnización.

Segundo informa o Executivo galego nun comunicado, o informe da Asesoría Xurídica foi enviado polas conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e de Mar, Rosa Quintana, xunto cunha carta, na que lle reiteran á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, que de non proceder á retirada dos artigos 18.3 e 18.4 do proxecto de lei, a súa redacción afectará á seguridade xurídica do tecido empresarial que se atopa no dominio público marítimo terrestre.

"Unha vez máis queremos trasladar a nosa preocupación pola inclusión do artigo 18 na lei de cambio climático. Preocúpanos, especialmente, a redacción dos apartados 3 e 4 e as súas repercusións negativas no litoral galego, onde se realizan actividades respectuosas co medio ambiente que constitúen o modo de vida de miles de familias galegas", inicia a misiva.

O BNG pide excluir as actividades pesqueiras sostíbeis das restricións do polémico...
comentarios