18-F

O BNG reta Rueda a un 'cara a cara' con Pontón e pide un novo debate na CRTVG

O nacionalista Rubén Cela ve necesario que Rueda e o PP "non se escondan" e que "non teñan medo a debater".
O coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela, hoxe en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela, hoxe en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O BNG vén de remitir unha carta ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na que pide que se organice outro debate entre os candidatos e candidatas á Presidencia da Xunta da Galiza na última semana da campaña electoral, así como un 'cara a cara' entre a súa líder, Ana Pontón, e o aspirante popular á reelección, o presidente Alfonso Rueda. O encargado de enviar a misiva foi o coordinador de campaña da formación nacionalista, Rubén Cela, quen subliñou que o Bloque xa confirmou a súa presenza nos tres debates propostos —un o 2 de febreiro na Cadena Ser, outro o día 5 na TVG e un último en TVE—.

Nunha rolda de prensa posterior á reunión do comité do BNG que organiza a axenda da campaña electoral, Cela mostrouse convencido de que os galegos e galegas verían "con bos ollos" que un medio público como a CRTVG ofrecese estes debates nun contexto no que, dixo, "as enquisas apuntan a un PP á baixa e a un Bloque Nacionalista Galego claramente á alza, reforzando a súa posición alternativa ao PP".

"Neste contexto, é máis importante que nunca que se poida producir este 'cara a cara' e que os galegos poidan ver, en primeira persoa e sen filtros, as dúas alternativas entre as que realmente se van bater estas eleccións do 18 de febreiro". Por iso, considerou necesario que Rueda e o PP "non se escondan" e que "non teñan medo a debater", así como que os medios públicos "cumpran a función que deberían ter nun proceso electoral como este".

A campaña "máis intensa" da historia do BNG

Na rolda de prensa, Rubén Cela destacou que a formación liderada por Ana Pontón sae "a por todas" nestas eleccións galegas, cunha "campaña propositiva e en positivo" e afastada das "leas" das forzas estatais coa que percorrerá todo o país para explicar a súa alternativa de goberno e tentar lograr que por primeira vez haxa unha presidenta á fronte da Xunta.

Todo iso, indicou, na que será "a campaña máis intensa da historia do BNG" e que terá como "disparo de saída" un acto o domingo 7 de xaneiro en Rianxo (Barbanza), onde o BNG organizará un grande acto coincidindo co aniversario do falecemento de Castelao. De cara á campaña electoral, Cela avanzou que o BNG combinará a posta en marcha de "actos masivos" con outros máis pequenos, dos que irán dando conta a medida que avancen as semanas.

Ademais da líder da formación e candidata á presidencia da Xunta tamén terán axenda propia as cabezas de lista polas catro circunscricións galegas. Todo iso en paralelo á axenda comarcal que a formación nacionalista despregará nas 25 comarcas nas que distribúe o país.

Comentarios