O BNG inicia o proceso para elixir a candidatura á Presidencia da Xunta

Os aspirantes deben reunir no mínimo 200 avais.
Ana Pontón durante a executiva do BNG esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, será previsibelmente a elixida para liderar a papeleta nacionalista. (Foto: Arxina)

A Executiva Nacional do BNG aprobou abrir a elección de candidatura á Presidencia da Xunta da Galiza, tal e como marcan os seus estatutos, dando o visto e prace a un proceso que arrancará o sábado 28 de outubro coa aprobación do regulamento por parte do Consello Nacional. Un proceso formal no que non existen dúbidas sobre a cabeza de lista da formación para esa cita coas urnas: Ana Pontón.

A partir da reunión extraordinaria do máximo órgano de dirección entre asembleas, ábrese un proceso de recollida de avais que permitirá participar e presentarse a calquera militante con plenos dereitos de alta, sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deben ser presentados no rexistro da sede nacional en Compostela entre 31 de outubro e 13 de novembro.

Finalizado ese trámite, será a militancia da formación nacionalista a que tome a palabra e se pronuncie a través de debates e votacións que se desenvolverán nun total de 26 asembleas comarcais por toda a Galiza, incluída a da emigración. Segundo informou esta terza feira a organización, a votación levarase a cabo con independencia do número de candidaturas presentadas.

Coa apertura deste proceso, o BNG quere ter concluída a elección de candidatura ante un eventual adianto electoral, tras levar a cabo a preceptiva consulta, debate e votación por parte da militancia.

A cita "máis importante"

A dirección do BNG informa de que abre o proceso dando cumprimento aos estatutos aprobados en Asemblea Nacional de cara á cita coas urnas "máis importantes dos últimos 42 anos".

Comentarios