O BNG avanza iniciativas para facer "verdadeira xustiza no asasinato de Reboiras"

Néstor Rego sinalou a necesidade de modificar a Lei de Amnistía.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamentou esta sexta feira a decisión da xuíza titular do xulgado de Instrucción número 1 de Ferrol de arquivar a querela polo asesinato en 1975 do dirixente nacionalista Moncho Reboiras, presentada pola familia co apoio de Ceaqua.

Os nacionalistas lembraron que durante o debate e votación da nova Lei de Memoria Democráticao BNG xa advertira que a mención engadida no texto do artigo 2 sobre o dereito internacional non garantía a posibilidade de investigar os crimes do franquismo por parte da xustiza, pois “non se derrogaban os apartados e) e f) do artigo segundo da Lei de Amnistía de 1977”, defendeu o BNG.

Neste senso, o deputado nacionalista no Congreso dos Deputados e das Deputadas, Néstor Rego, avanzou que rexistrará novas iniciativas reclamando a derrogación destes artigos da Lei de Amnistía e a subscrición expresa por parte do Estado español do Convenio internacional sobre imprescritibilidade dos crimes de lesa humanidade.

A decisión de arquivar a querela presentada pola familia de Reboiras polo seu asasinato a mans da policía franquista, “aínda que previsíbel”, “non convence” o BNG. A formación nacionalista apunta que aínda que sexa unha ferramenta fraca, a maxistrada “obvia por completo a referencia do artigo 2 da Lei de Memoria Democrática”, a cal lle permitiría “interpretar os crimes do franquismo en base ao Dereito Internacional sobre os delitos de lesa humanidade”.

No auto de arquivo da denuncia a xuíza tamén alega que o Estado español non asinou o Convenio das Nacións Unidas sobre imprescritibilidade dos delitos de lesa humanidade, co que entende que non é dereito vixente. Para o BNG, a maxistrada está eludindo, desta maneira, que a Convención “cristalizou como principio básico do Dereito Internacional”.

En opinión do deputado do BNG no Congreso “infelizmente, o tempo deunos a razóns” e indica, tal e como defendeu nas emendas rexistradas a esta lei, que a única solución “é derrogar os artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía aprobada en 1977”. Os partidos que compoñen o Goberno, ademais do Partido Popular, votaron en contra das emendas do BNG rexistradas a esta lei e, no concreto, a que procuraba a derrogación destes dous artigos. “foi motivo máis que suficiente para non votar a favor desta Lei”, afirmou Rego.

Proposición de Lei

Neste sentido, a organización nacionalista non dá por perdida a batalla por “verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición” que o BNG veu mantendo xunto a innúmeras asociacións memorialistas da Galiza e de todo o Estado español e anuncia o rexistro de novas iniciativas para que tamén se poida “facer verdadeira xustiza no asasinato de Moncho Reboiras”.

Así, o BNG presentará una Proposición de Lei para a derrogación do artigo 2 e) e f) da Lei de Amnistía e reclamará ao Goberno, mediante unha PNL, a subscrición do Convenio internacional sobre imprescritibilidade dos crimes de lesa humanidade, para que de forma expresa conste a súa vixencia no dereito interno do Estado español.

 

Comentarios