O Congreso español aproba a Lei de memoria democrática

PSOE e UP tomban as emendas presentadas polo BNG, que se abstivo na votación xunto a ERC.
Votación da Lei de memoria no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Votación da Lei de memoria no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O pleno do Congreso aprobou esta quinta feira o proxecto de Lei de memoria democrática cos votos favorábeis de PSOE, Unidas Podemos, PNV, Bildu, PDeCAT, Más País e Compromís, a oposición de PP, Vox, Ciudadanos, Junts e a CUP e as abstencións de ERC e BNG.

O texto, que vén a ampliar o disposto na Lei de memoria histórica de 2007, insta o Goberno estatal a crear, no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor, unha comisión técnica que elabore un estudo sobre os supostos de vulneración de dereitos a persoas "pola súa loita pola consolidación da democracia, os dereitos fundamentais e os valores democráticos entre a entrada en vigor da Constitución [1978] e o 31 de decembro de 1983".

Aliás, a lei impulsará a creación dunha comisión estatal independente e de carácter académico que procurará "contribuír ao esclarecemento das violacións de dereitos durante a guerra civil e a ditadura".

Por outra parte, declara a ilegalidade e ilexitimidade dos tribunais, xurados e "calquera outro órgano penal ou administrativo" creados após o golpe de Estado de 1936 e destinados á persecución por motivos políticos ou de conciencia.

O ministro de Presidencia e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, foi o encargado de defender unha lei que, afirmou, "vai facer máis digna a nosa democracia" e permitirá "homenaxear todas as vítimas da guerra, dun bando e doutro, e tamén as vítimas da ditadura". "E non tratando de utilizalas como fai o PP", engadiu.

Meirás non será un lugar de memoria

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afeou o voto en contra de PSOE e UP, xunto a outras formacións como o PP e Vox, ás emendas presentadas polos nacionalistas para, entre outras cuestións, outorgar ao pazo de Meirás o recoñecemento simbólico de "lugar de memoria".

Rego admitiu a existencia de "avances" no texto lexislativo en relación á lei anterior, mais lamentou a "oportunidade perdida para rematar dunha vez por todas coa impunidade do franquismo e facer xustiza cos vítimas da ditadura e a guerra". Isto non será posíbel, dixo, por non prosperar a emenda que defendía a derrogación dos artifos 2e e 2f da Lei de Amnistía aprobada en 1978.

"PSOE e UP cren que isto se resolve introducindo na lei que esta deba ser interpretada ao amparo do dereito internacional e dos pactos, acordos e tratados que ten asinado o Estado español, mais esta formulación xa está recollida na Constitución e non deu lugar nin a un só caso de investigación dos crimes do franquismo nos últimos 44 anos", lamentou.

Comentarios