BNG insta PP, PSOE e En Marea a “non rebaixar” o estatus de Galiza no debate de financiamento

Pídelles que non asuman a “falsa idea centralista” dunha Galiza dependente do estado e di que é “incomprensíbel” que se prefira que “sexa Montoro quen administre os nosos recursos en lugar de facelo desde Galiza”.

ana pontón

O BNG instou o resto das forzas no Parlamento galego, PP, En Marea e PSOE, a “non rebaixar” o estatus de Galiza no debate de financiamento. A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulles “non ser cómplices de colocar Galiza no tren das rexións” asumindo a “falsa idea centralista” da dependencia do Estado.

Pontón reiterou  que os propios datos da Xunta avalan a proposta do BNG dun concerto económico galego como novo modelo de financiamento (“ o estado recada 3.000 millóns de euros máis dos que inviste”). Pontón considera incompresible que PP, PSOE e Marea “prefira que sexa Montoro quen administre os nosos recursos en lugar de facelo desde Galiza”.

De cara xuntanza entre Goberno central e executivos autonómicos, a portavoz do Bloque pide a Feijóo “que se comporte como o presidente dunha nación”, e que traballe para “establecer unha negociación bilateral co Estado como xa ten de facto Euskadi, Navarra ou Catalunya

Pleno de Orzamentos

A portavoz nacional realizou estas declaracións após a xunta de portavoces na que tamén fixou a posición do BNG de cara ao debate plenario das emendas á totalidade ás contas de 2017 presentadas pola Xunta, unhas contas que “non dan esperanza á maioría social”, sentenciou. O BNG aproveitou a xunta de portavoces para instar a constitución da comisión de investigación das caixas de aforro acordada hai máis dun mes. Pontón entende que é máis necesaria que nunca tras coñecer a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo favorable á devolución do cobrado pola banca a través das cláusulas solo.

Comentarios