O BNG insta o Goberno español a rectificar "a decisión de aumentar, máis unha vez, o gasto militar"

Néstor Rego denuncia que 3 de cada 10 euros do investimento do Estado está destinado á adquisición de novo armamento

nESTOR rEGO
photo_camera Néstor REgo (Foto: Nós Diario)

O BNG denuncia a nova aprobación, en Consello de Ministros, dunha partida dotada de 1.129 millóns de euros destinada a gasto militar e, sobre todo, á adquisición de novo armamento. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama o Executivo estatal a abandonar as políticas belicistas e “apostar pola vía diplomática a través do diálogo, a negociación e o acordo” como única forma real de “garantir a paz”.

Unha aprobación, a realizada na pasada reunión do Consello de Ministros, que se toma en relación coa exixencia da OTAN de aumentar o gasto militar a 2% do PIB de cada estado membro mais, segundo lembra o deputado do BNG, a realidade do Estado español é que “o gasto militar en 2023 xa superou 2,2% do PIB e coa previsión de que continúe subindo”. De facto, nos últimos orzamentos aprobados recóllese unha programación plurianual, entre 2023 e 2029, que suma 17.000 millóns euros en gasto militar e, sobre todo, na adquisición de novo armamento.

Esta exixencia, denuncia Rego, beneficiaría principalmente “a industria militar norteamericana, especialmente a Lockheed Martin que é a principal empresa produtora de armamento do mundo”.

En detrimento de políticas sociais

O deputado do BNG sinala que existen estudos realizados por organismos e asociacións independentes que analizan o gasto militar recollido nos orzamentos aprobados polo Goberno. “Recoñecen que, máis alá do orzamento de Defensa, existe un gasto militar oculto noutros ministerios: en 2023, por volta de 4.700 millóns de euros no Ministerio de Facenda, 3.600 millóns no Ministerio do Interior, 1.600 millóns no Ministerio de Industria”;

“É dicir, en 2023 houbo un gasto militar que oscila entre os 27.600 e os 28.000 millóns de euros. Parécenos unha cifra desorbitada que non se xustifica. Máis cando o aumento do gasto militar implica deixar de investir ou de destinar recursos a políticas que consideramos, do punto de vista do BNG, moito máis necesarias e urxentes” evidencia Rego.

Comentarios